Publicidade

O RapaSons mantén a súa “tradición” musical e incorpora un novo bus

O RapaSons mantén a súa “tradición” musical e incorpora un novo bus

As entradas para os tres curros xa están á venda

A Rapa das Bestas vai máis aló dos cabalos. Cada ano acompaña o evento principal cunha boa dose de música a través do RapaSons. Neste 2026 mantén a súa aposta pola música en galego ou, en palabras de Iván Sanmartín, un dos integrantes da asociación organizadora, mantén a súa “tradición”. Como novidade, incorporan un novo horario de bus de regreso para o sábado.

O venres 3 de xullo ás 20.00 horas contarán co pasarrúas da Tralha da Terra de Montes que precederá ao Festival Rapasons. Nel estarán A Banda das Crechas, Swingers do Swing, Gin Toni’s — ambas son bandas de versións — e La Sincereza Pinchacumbias, un DJ.

Na xornada do sábado animarán o ambiente Tiruleque, Os Tres Pesos e Mekánica Rolling Band. A verbena correrá a cargo de Olympus e América S.L.

O domingo Sabucedo animarase coa música de Festicultores Troupe e co Festival no Palco da Fonte no que participarán as Pandereteiras de Quireza, Cé Orquestra Pantasma e Reyner Aldana, un cantautor galego-cubano que comezou coa súa traxectoria musical en Galicia. A verbena estará amenizada por La Mecánica e o Dúo Prisma.

Nos curros tamén haberá música. A pode ser a “actuación máis esperada” é a de Tequexetéldere, un habitual desta festa que fará unha das súas últimas actuacións antes de representar a Galicia en Lorient (Francia). Será o sábado ás 18.30 horas. O domingo ás 11.30 horas actuará Laura Lamontagne, unha lucense que amenizou os últimos Mestre Mateo e que é un exemplo máis da mistura da música tradicional coa electrónica. Amais, os tres curros contarán coa música de Airiños de Caldelas.

Entradas á venda

As entradas para os tres curros xa están á venda. Para cada un haberá unhas 1.200 prazas. As entradas pódense adquirir a través da web da Rapa. Para un curro custan 15 euros, excepto para menores de 12 anos (10 euros) e menores de catro anos (de balde).

RapaBús

Como cada ano, a organización poñerá buses de balde entre Sabucedo e A Estrada, tanto de ida como de regreso. Contará con paradas diante do Concello da Estrada, na Consolación (Tabeirós), en Codeseda e en Sabucedo.

O venres 3 sairá un bus da Estrada ás 21.00 horas e haberá dous de regreso, un ás 1.00 e outro ás 5.00 horas. O sábado sairán da Estrada buses ás 16.30 e ás 22.30 horas e, dende Sabucedo, ás 21.30, 1.00 e 5.00 horas. O da unha da madrugada estréase este ano co fin de que aqueles que asistana ao curro poidan desfrutar do ambiente festivo sen ter que alongarse ata altas horas da madrugada. O domingo sairá un da Estrada ás 11.00 e regresará ás 17.00 horas.

Imaxe de portada: presentación do RapaSons // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo