O vindeiro venres 5 A Estrada acollerá a primeira edición do festival Son de Lagar, que está chamado a ser a antesala da Feira da Sidra. Comezará ás 22.30 horas no escenario situado a carón do Concello. Sobre o escenario estarán Kid Mount, Ünder & Diego Flâneur e Kike Varela.
Será un cartel cheo de nomes de galegos innovadores e que contan cunha gran proxección no panorama musical. Kid Mount é un limián pioneiro na incorporación do galego a estilos como o reggaeton, o electrolatino e a electrónica contemporánea.
Ünder & Diego Flâneur son dous lucenses cunha influencia que camiña por diversos xéneros, vertentes e ritmos, con influencia do hip-hop. Por medio de referencias culturais heteroxéneas extraídas do cine, do mundo da arte ou da propia música, crean un imaxinario amplo con temáticas variadas.
O cartel complétao Kike Varela, un DJ e produtor que conta cunha gran traxectoria nacional e internacional. Chegou a compartir escenario con algunhas das principais figuras da música electrónica mundial.
O Son do Lagar, un festival con nome vencellado á elaboración da sidra, ten vocación de continuidade. Segundo o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, concebiuse co obxectivo de “dar unha maior dimensión á Feira da Sidra”.
Vasos á venda
Noutra orde das cousas, a venda anticipada de vasos continúa este mércores no Novo Mercado. Dende a organización lembran a importancia de mercalos con anticipación para así evitar colas o día da degustación. Custan 9 euros e este ano, de agasallo, levan un portavasos. Os primeiros que os recolleron recibiron un vale en lugar do agasallo, pois a empresa encargada deles non os entregou a tempo.
A Feira da Sidra celebrarase este sábado tanto pola mañá coma pola tarde. Na sesión matutina (de 12.00 a 15.00 horas) actuarán Galifunk e Señora DJ e, na de tarde, dende as 19.30 horas, tocarán Son das Tabernas.
Imaxe de portada: Ünder & Diego Flâneur // cedida


Deixa unha resposta