Publicidade

52 persoas accederon ao programa para deixar o tabaco do Concello da Estrada

52 persoas buscaron en 2025 o acompañamento do departamento de Sanidade da Estrada para deixar de fumar. Este dato púxoo de relevo o Concello con motivo do Día Mundial sen Tabaco, sinalando o acceso prematuro a este e a aparición de novos métodos para fumar.

O programa de deshabituación tabáquica comezou hai vinte anos e nel faise seguemento a cada caso durante un ano. Os primeiros seis meses céntranse no abandono do hábito e os seis seguintes, na prevención de recaídas. Durante as primeiras semanas as citas son semanais, pasando logo a ser quincenais. Na fase de prevención de recaídas as visitas son mensuais.

A el acoden persoas maiores de idade, situándose a media nos 40 anos. Nos últimos tempos, arredor do 60% dos usuarios son mulleres, fronte ao 40% dos homes.

Os interesados poden solicitar cita por teléfono ou por correo electrónico (no 986 677 702 ou no enderezo sanidadeeturismo@aestrada.gal). Na primeira sesión realizaranse cuestionarios estandariados para avaliae o grao de dependencia do tabaco e a motivación para deixar de fumar. No caso de que se precise combinar o traballo cognitivo-condutual con medicación, os usuarios son derivados ao centro de saúde.

Idade de inicio baixa

Mesa informativa na Praza do Concello // Concello da Estrada

Na mesa informativa colocada na mañá deste mércores polo Concello, o centro de saúde e a Asociación Española Contra o Cancro púxose de manifesto que a idade de acceso aos hábitos tabáquicos é temperá, situándose en torno aos 14 anos. Ademais, sinalan que o 41% da poboación manifesta ter fumado nalgún momento.

Dende a OMS tamén fixeron referencia aos menores fumadores. Segundo os seus datos, 40 millóns de adolescentes de entre 14 e 15 anos en todo o mundo consumen tabaco e 15 millóns de adolescentes empregan cigarros electrónicos. Nos países con datos rexistrados, a probabilidade de vapear é, de media, nove veces maior entre os adolescentes ca entre os adultos.

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo