A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou na mañá deste xoves as instalacións de Martínez Otero na Estrada. Dende alí propuxo aumentar o investimento en I+D+i e apostar polo sector do contract — deseño, fabricación e instalación integral de equipamentos de interiorismo para espazos de uso colectivo –, no que a empresa estradense é un referente a nivel estatal.
“Martínez Otero está demostrando como desde un lugar como A Estrada se poden facer proxectos de excelencia e ter un recoñecemento tanto dentro de Galiza como a nivel internacional”, sinalou a nacionalista. Engadiu que o sector do contract emprega a 7.000 persoas e que hai máis de 100 empresas que facturar arredor de 1.000 millóns de euros ao ano. “Pensamos que é un sector que ten potencial de crecemento, pero para iso necesita un maior apoio por parte da Xunta”, reclamou.
Pediu que administración galega “utilice o contract nos seus equipamentos interiores”. A posposta pasaría por escolas, hospitais ou residencias e permitiría “darlle unha maior calidade” a estes espazos públicos.
Aposta pola industria
Asemade, Pontón pediu un incremento no investimento en I+D+i ata o 2,5% do PIB para que Galicia “deixe de estar no furgón de cola e se poña á cabeza” nun dos ámbitos do desenvolvemento industrial. A súa aposta pola industria tamén pasaría por elevar o seu peso no PIB, pasando do 17% ao 23%. Engadiu a necesidade de crear instrumentos financieiros para apoiar ás empresas, tales como un Instituto Galego de Crédito e un Fondo Soberano de Investimentos Estratéxicos.
Imaxe de portada: Pontón nas instalacións de Martínez Otero // BNG


Deixa unha resposta