Publicidade

As rozas de maleza chegaron a 36 parroquias da Estrada

As rozas de maleza chegaron a 36 parroquias da Estrada

As rozas de maleza nas vías públicas esténdese pola Estrada. Dende o mes de abril operarios municipais e externos están traballando nas diferentes parroquias do concello, chegando nos últimos días ao casco urbano. En total, xa completaron a primeira volta en 31 das 51 parroquias e están traballando noutras cinco máis.

Seguindo a tónica de anos anteriores, os operarios estanse atopando con máis maleza da que existía anteriormente, favorecida polas chuvias e as altas temperaturas. Por este motivo, no 2024 comezouse a realizar unha segunda volta, algo que se fará este ano.

A primeira volta xa se completou en Barbude, San Xurxo de Vea, San Miguel de Castro, Cereixo, Baloira, Aguións, Cora, Riobó, Orazo, San Miguel de Barcala, Lagartóns, Paradela, Rubín, San Xiao de Vea, San Pedro de Ancorados, Guimarei, Tabeirós, Moreira, Santa Mariña de Barcala, Santo Tomé de Ancorados, Oca, Santeles, Arnois, Liripio, Curantes, Remesar, Arca, Nigoi, Lamas e A Somoza.

Na maioría dos casos as rozas fixéronse antes das festas parroquiais. Como novidade, este ano adiantouse a primeira volta en Tabeirós e Ouzande, onde se están a facer actualmente. Xunto con Ouzande, os operarios están traballando en Pardemarín, Agar, Parada e A Estrada.

No caso da Estrada contan coa dificultade engadida de tratarse do casco urbano. Porén, dende o Departamento de Obras deseñaron un cronograma de intervencións, que xa está practicamente cumprido.

As actuacións comezaron pola Rúa 56, San Paio, 25 de Xullo, Antón Losada, Caldesiña, A Congostra, San Paio, o Camiño de Ouzande dende a Rúa Fermín Bouza Brey e o aparcamento do Teatro Principal. Este martes os traballos centraranse no acceso ao cemiterio de Figueiroa e no estacionamento da Casa das Letras.

Zonas como a Rúa da Cultura incumprirán o suposto de facer as rozas antes das festas patronais. Dende o Concello sinalan que se vai agardar a que pasen as festas de San Paio para rozar alí co obxectivo de que xa teñan rematado as clases — rematan o venres 19 — e pensando en entorpecer o menos posible, pois as actuacións esixen a retirada de vehículos.

As rozas comezaron no mes de abril e prolongaranse ata setembro, momento no que comezarán os traballos nas pistas da parcelaria. Nestes intres participan nas rozas catro tractores do Concello da Estrada e outros tres externos. Esta intervención, din dende a institución municipal, non sería posible sen a predisposición dos traballadores, que chegaron a pospoñer as súas vacacións estivais para que a limpeza da maleza chegue a todas as vías de titularidade municipal o máis axiña posible.

Imaxe de portada: zona rozada na Estrada // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo