A noite de San Xoán é coñecida por ser a máis máxica do ano. As casas e parroquias énchense de fogueiras para saltalas e librarse dos males. Na Estrada, haberá diferentes celebracións nas parroquias. Nas seguintes liñas poderán atopar 13 celebracións diferentes, comezando por Nigoi (a única que non se celebrará no día propio) e seguindo por outros San Xoán como o do Areal de Berres — que celebra a súa última edición — ou o de Callobre — que quere coller o testigo.
Nigoi
En Nigoi serán os primeiros en celebrar o San Xoán. Será este sábado 20 dende ás 22.00 horas. Haberá sardiñada e churrasco, por un prezo de 25 euros para adultos, 15 euros para nenos e de balde para os menores de cinco anos. A festa estará amenizada polo dúo Arcoíris. Os tickets poden retirarse ata as 00.00 horas deste mércores 17 na Taberna Regueira ou en Casa Ignacio.
Berres
O lume apagarase por última vez en Berres. Tras 28 anos de existencia, o lumeiro do Areal de Berres celebrará a súa última edición. Ás 21.00 horas abrirán o bar e os postos de golosinas, xeados e comida rápida.
Ao longo da noite haberá música ambiental e unah zona habilitada para merendar ao aire libre. A medianoite acenderase o lumeiro cun ritual. Nesta edición queimarase os restos dunha barca do recinto, representando un enterro vikingo.
Callobre
A noite máis máxica do ano vaise vivir por todo o alto en Callobre. Ás 17.00 horas abrirán os inchables para os máis cativos. Ás 20.00 horas actuará Pacordas Rock, como previa da cea de San Xoán, que comezará unha hora máis tarde. O menú contará con entremeses, empanada, churrasco, patacas, ensalada, sobremesa, café, refrescos, auga e viño. Os tickets pódense retirar ata o sábado 20 na Carnicería Coto e en Amifrut. Custan 20 euros. Tamén haberá polbeira.
Á medianoite acenderán a cacharela con lume do Pico Sacro e un conxuro. Contarán coa animación musical do grupo La Conexión e da discoteca Pirámide XL, que terá a Carlos López e a Telmo.
Ribela
En Ribela o emprazamento elixido é a Fonte de Santa Mariña. Alí, ás 00.00 horas acenderán a cacharela. Terán unha sardiñada e churrascada con bebida, postre e café incluídos no prezo. Os adultos terán que pagar 25 euros, mentres que os nenos comerán gratis. A noite estará animada polo grupo Tralha na Terra de Montes. É preciso anotarse no 648683923 antes deste mércores 17.
Cereixo
A festa en Cereixo comezará ás 21.30 horas. Será no local social da Escola, onde se servirá un menú composto por sardiñas asadas, churrasco, pan de millo, bebida, sobremesa e queimada. As inscricións pódense facer na Taberna do Rejo. Os adultos terán que pagar 20 euros, mentres que os nenos comerán gratis. A música correrá a cargo de Decotío Gaiteiros. Ás 00.00 horas acenderán o lumeiro.
Loimil
O campo da festa de Loimil acollerá o seu propio San Xoán. Comezará ás 20.30 horas co espectáculo de teatro familiar A Alquimista, de Cristina Collazo. Ás 22.00 horas haberá unha parrillada de sardiñas e churrasco. A noite rematará saltando a fogueira que se prenderá á medianoite.
Arca
A Escola de Arca será o punto no que se celebre outro dos San Xoáns parroquiais. Dende as 19.00 horas terán inchables. Serviranse sardiñas e churrasco, tendo que pagar os adultos 10 euros e os nenos 5. A bebida non está incluída. Co cambio de día acenderán a cacharela. Servirase queimada de balde. O prazo para anotarse remata o sábado 20 ou antes se se completa o aforo. A reserva podese facer nos teléfonos 618 264 261 (Emilio), 629 476 306 (Carlos), 696 971 176 (Agapito) ou 610 715 683 (Juan).
Paradela
En Paradela abrirán a cantina ás 19.00 horas. A cea, prevista para ás 21.30 horas, contará no menú con sardiñas, churrasco de porco e sobremesa. Custará 10 euros, excepto para os menores de 12 anos, que comerán gratis. A bebida non se inclúe. Para anotarse, hai que falar coa comisión ou mediante a conta de Instagram @festas_paradela.
Vinseiro
Vinseiro é unha das parroquias que comeza a festexar a noite máis curta do ano pola tarde. Dende as 18.00 horas a cativada poderá desfrutar de inchables gratis. Ás 22.00 horas comezará a cea, que custará 30 euros. O menú inclúe empanada, churrasco, sardiñas, ensalada e bebidas. Ás 00.00 horas acenderase o lumeiro. A festa estará amenizada polo DJ Maikstyle. Os tickets pódense reservar no 629 724 539 ou mercalos en Arco da Vella.
Codeseda
En Codeseda a festa comeza ás 22.00 horas, aínda que a barra estará aberta dende dúas horas antes. Por 20 euros servirase churrasco, sardiñas, mexilóns, sobremesa e café, coa bebida incluída. Custará 20 euros, exceptuando aos nenos e nenas de ata 12 anos, que comerán gratis. as reservas pódense facer no 692 82 13 11 (Manuel Ángel), 686 57 19 07 (Maricarmen), 616 06 93 20 (José Miguel) ou 675 843 152 (Vanesa). Terán á venda camisetas da Asociación As 23 Aldeas de Codeseda.
Fernando Conde (A Estrada)
Un clásico na Estrada é o lumeiro da Avenida Fernando Conde. Contarán con música e sorteos. Os tíckets custan 23 euros para os adultos, 10 para os nenos e nenas de entre 7 e 12 anos e serán gratis para os menores de 7. A data límite para mercalos é o sábado 20. Pódense adquirir no Florida.
A Cañoteira (A Estrada)
O lugar da Cañoteira, na parroquia da Estrada, comezará o San Xoán ás 21.00 horas cunha cea servida por Valenciaga. O menú inclúe empanada, sardiñas, churrasco, sobremesa e café. A noite contará coa música de Lume na Lareira. A partir das 00.00 horas, acenderase o lumeiro e haberá un bigo e queimada.
A cea custará 25 euros para os socios e 30 para os non socios. Os nenos pagarán a metade do prezo. As reservas faranse ata o 19 de xuño no 626 79 89 75 e os tíckets pódense retirar no Taller Benigno e en Eva Shoes.
Recreo Cultural
No Recreo Cultural servirán sardiñas de balde e churrasco. Terán gramola toda a noite e inchables. A noite estará amenizada por Algo pasa con Mary.


Deixa unha resposta