O nacionalista fala dos motivos que o levaron a non repetir como candidato do BNG e sobre o proceso de elección de Marcos Borrageros como o seu substituto

No marco do ciclo de entrevistas que está a facer Xornal da Estrada como previa da precampaña das municipais, Xoán Reices respondeu sobre os motivos que o levaron a non repetir como candidato do BNG. Ademais, contou como foi o proceso de selección de Marcos Borrageros como o seu substituto.
O inicio da conversa centrouse no artigo que publicou no Politicando tras anunciarse a súa renuncia. Sobre se era, tal e como dixo no artigo, algo que “xa se viña vir”, comentou que “eu tardei moito en tomala. As razóns que teño para tomala xa estaban ahí, evidentemente, pero a decisión final tomeina hai un mes. Ao mellor alguén a vía vir, eu non”.
Si, o que non vale son eu
Xoán Reices · BNG
Aludiu motivos personais, pois os seus horarios laborais non lle permitían adicarlle todo o tempo necesario, e que “é bastante descorazonador ver como funciona a política”. “A nivel local hai veces nas que pasas vergoña”, asegurou en referencias ás “discusións partidistas” entre PP e PSOE nos plenos. Recoñeceu que “teño certos matices ideolóxicos que me empuxan a dicir que, quizais, eu non son a persoa como cabeza visible do proxecto”.
Criticou que non se debatan algúns temas porque “se os presentas pola vía de urxencia, non son urxentes, e cando os levas ao pleno non son competencia municipal” e que “cando a idea é boa, como a de facer os murais, aprovéitase e lévase o mérito”.
Sobre os tres anos que leva sendo a voz do BNG, recoñeceu que “foron intensos, porque require moitas horas”. Un dos problemas que se atopou foron os seus horarios laborais. “Os dous primeiros anos foron jodidos, porque tiña que marchar ás oito [da mañá] da casa e, ao mellor, chegar un día de cada dous ás once [da noite] á casa”, afirmou Reices. Aínda así, comenta que lle gusta o debate e que o “pasei ben” e lévase ben con todos os que están no Consistorio.
“Hai veces que te sobrepasa porque realmente lle queres poñer todo o que hai e despois dun día de merda de choiar é dificil, entón tes que forzar”, engadiu o nacionalista.
Sobre o proceso da súa substitución, detallou que, despois de comentarlle ao partido a súa decisión de non repetir como candidato, “reunímonos un día e comezamos a pensar no Consello local”. Sobre Marcos Borrageros, quen será o novo candidato, informou de que “xa o coñeciamos e ten unha relación cercana con moitos do partido”. Destacou que “é unha persoa nova” e que “está en moitas asociacións, que fai moito traballo da lama, coñece a moita xente, é unha persoa extrovertida, é unha persoa intelixente que fala ben, que lle gusta falar en público e que é honesta e vai coa verdade por diante”.
Marcos Borrageros será o candidato do BNG ás municipais
Ten 27 anos e é licenciado en Historia · Foi presentado este venres nun acto no que tamén estivo Xoán Reices
Xoán Reices recoñeceu que, para el, o seu nomeamento como candidato foi “un orgullo” e “unha alegría”. “Eu co Bloque teño moitísimas cousas en común, coas miñas ideas, xa estivera antes en Galiza Nova, xa estiven no Bloque antes”, comentou.
Imaxe de portada: Xoán Reices, durante a entrevista // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta