Publicidade

Móvete deixa para setembro a decisión de presentarse ou non ás municipais: “decidimos darnos o verán para reflexionar”

Móvete deixa para setembro a decisión de presentarse ou non ás municipais: “decidimos darnos o verán para reflexionar”

Mar Blanco Casais abre a porta á posibilidade de que outra persoa lidere o proxecto · Cre que”podemos estar nun escenario bastante motivador” para que a esquerda volva gobernar na Estrada

No marco da ronda de entrevistas que segue a facer Xornal da Estrada como previa da precampaña das municipais de 2027, a actual voceira de Móvete, Mar Blanco Casais, avanzou que en setembro decidirán se se presentan ou non. Ademais, deixou no aire a posibilidade de que repita como candidata, abrindo a porta a que sexa outra persoa.

A estradense, facendo valoración dos últimos tres anos, definiu o inicio da lexislatura como “de incerteza” por se José López Campos finalmente marchaba para a Xunta ou non, tal e como sucedeu, e pola “dúbida de quen ía quedar” como alcalde ou alcaldesa. Despois de terse producido, o interese político “foi esmorecendo”, segundo dixo, polo papel “non tan notorio” de Gonzalo Louzao e porque a oposición “baixou un pouco a súa actividade de denuncia e de crítica”.

Sobre se se presentarán ou non ás seguintes municipais, confirmou que “é unha pregunta que nos levamos plantexando uns meses e que decidimos darnos o verán para reflexionar sobre iso e, posiblemente, de cara a mediados de setembro tomemos esa decisión”. Definiu como “estable” a situación de Móvete por ser un proxecto local, mais recoñeceu que estiveron enmarcados “no espazo de Podemos e das mareas”, un espazo que na actualidade “esmoreceu” ou, “desde logo, pinchou bastante e iso, indirectamente, afecta ao noso proxecto local”.

Para decidir se continúan ou non — aínda que non hai unha data establecida dá por seguro que será despois do verán — van celebrar unha asemblea na que analizarán “cal debe ser o papel de Móvete de cara ás próximas eleccións municipais”. No caso de que se decida que Móvete “ten que ter un proxecto continuísta, iriamos por unha cuarta [vez que se presentan], toca decidir quen vai a candidatar”.

Recoñeceu o “papel importante” que ten en referencia a súa posible continuidade. “É unha decisión que non podo tomar ata que se decida se Móvete vai a continuar ou non”, asegurou Mar Blanco Casais. “En todo caso, por moito que eu poida ter ganas de presentarme, creo que é importante, por saneamento democrático, poñer o cargo da cabeza de lista a disposición do partido e das persoas que se sentan representadas nese partido”, continuou. Indicou que lle parece “interesante” abrir a porta a que outra persoa ocupe o posto que ela tivo nos tres comicios aos que se presentaron (as municipais de 2015, 2019 e 2023).

“Síntome moi orgullosa do papel que desempeñei en Móvete”, continuou. “Sempre me sentín moi apoiada e moi respaldada, non só pola xente que forma e formaba parte de Móvete”, dixo. Blanco Casais recoñeceu que “a min pésame agora máis a responsabilidade de abrir o proxecto político que ter que ser eu” a candidata. Desexou que “o que representa Móvete teña continuidade na política estradense, pero iso non quere dicir que teña que ser eu”.

Preguntada sobre que pasou con Móvete para que apenas aparecese nos diferentes medios locais, tras varios titubeos explicou que na política local está a parte do “traballo máis funcional”, no que se enmarcarían os plenos e as comisións, e a parte de “estar a carón da veciñanza”. Definiu aos medios de comunicación como “altofalante” desa actividade e reseñou a importancia do Xornal da Estrada. Excusou nos cambios de costumes e intereses da sociedade a súa mínima aparición na prensa. “Iso non quere dicir que non haxa un traballo institucional”, subliñou.

Lembrou a entrevista que Xornal da Estrada lle fixo a Xoán Reices cando anunciou que non repetía como candidato porque un dos motivos que esgrimía o nacionalista era a falta de tempo e a dificultade de compaxinar a actividade política co seu traballo.

Asegurou que “podemos estar nun escenario bastante motivador” ante a posibilidade de que a esquerda chegue a gobernar. “Aquí estamos instalados nunha maioría absoluta do PP que cada vez ten máis apoios. Sen embargo, hai un novo escenario, que é o de cambio de candidato do Partido Popular, e iso abre unha fiestra á esperanza”, asegurou Mar Blanco. “López Campos era un candidato con moito tirón electoral e Gonzalo Louzao, dende o meu punto de vista, a nivel persoal é unha boa persoa e gústame dicir que cáeme ben e gústame tomar un café con el de vez en cando. Sen embargo, non está claro que el vaia ter o mesmo tirón electoral”, afirmou, ademais de felicitalo pola súa paternidade.

Apostou por unha candidatura conxunta da esquerda. “O que pasa é que os outros partidos políticos non están dispostos a renunciar ás siglas, seguramente”, dixo. Engadiu que en Móvete “antepoñemos os proxectos políticos en beneficio dos veciños e veciñas estradenses en detrimento das siglas” e recoñeceu que lle parece “unha utopía” que se poida presentar unha única candidatura de esquerda.

Máis entrevistas

Imaxe de portada: Mar Blanco Casais durante a entrevista // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo