Ten 27 anos e é licenciado en Historia · Foi presentado este venres nun acto no que tamén estivo Xoán Reices

O BNG vén de anunciar que o seu candidato ás municipais será Marcos Borrageros. Natural de Fraíz (Olives) e de 27 anos de idade, é licenciado en Historia. Chega en substitución de Xoán Reices, quen hai dúas semanas anunciou que non continuaría como cara visible do partido.
Anunciouse nun acto na Praza da Feira no que Borrageros pronunciou o seu primeiro discurso como candidato á Alcaldía. Nel lamentou que A Estrada se “encha” durante a fin de semana e, coa chegada do luns, “A Estrada volve a ficar baleira”.
Mencionou o “maior investimento rural na historia” para lembrar que “as estradas seguen sen arranxar, o saneamento nin está nin se lle espera, e nin sequera podemos dicir que o rural teña as conexións de telefonía e internet o suficientemente rápidas”. Acusou a Louzao de querer “apelidarse renovación” cando “o conto segue a ser o de sempre”.
Recoñeceu que “o doado era marchar, virarlle as costas á política, coller a maleta coma moitos dos meus amigos e buscar un futuro fóra do concello, onde haxa oportunidades laborais, onde haxa vivenda e onde haxa servizos” mais decidiu quedar e intentar converterse no futuro alcalde da Estrada.
O seu obxectivo será que A Estrada sexa “unha vila con máis futuro que pasado”. Debullou algunhas das que serán as súas propostas, tales como “plans industriais que aseguren o desenvolvemento das nosas empresas” e permitan o emprego local ou a reformulación do plano urbanístico “para asegurarnos de que as e os estradenses poidan vivir dentro da vila e das nosas parroquias”.
Criticou que “a medida máis importante que poida ofrecer esta corporación para o desenvolvemento da vila sexa mover unha farola dous metros máis cara arriba ou cara abaixo”. En canto á autovía, preguntouse se servirá “para que a nosa economía mellore ou para que os nosos poidan marchar aínda máis axiña do noso concello”.
Deixou caer que no plan de futuro do BNG o rural e o seu desenvolvemento terán importancia. “Temos 51 parroquias e, polo tanto, debemos de ter máis de 51 motivos polos que investir no noso rural”, dixo Borrageros.

Avanzou que, de chegar a gobernar, aplicarán as “medidas de éxito” que xa teñen en marcha noutros concellos. Deste xeito, di, converterán A Estrada “na vila que todas queremos habitar e facer, dunha vez por todas, que os tuppers do domingo non vaian parar ás neveiras doutro concello”. “Veñen novos ventos, e o aire xa comeza a ulir a BNG”, concluíu.
Borrageros xa se deixou ver a semana pasada en representación do BNG local na visita de Ana Pontón ás instalacións de Martínez Otero.
Vencellado á historia

Marcos Borrageros naceu hai 27 anos na parroquia de Olives, concretamente no lugar de Fraíz. Estudou no CEIP do Foxo, no IES Avelina Valladares e no IES Antón Losada Diéguez. É graduado en Historia pola USC e fixo o Mestrado de Formación do Profesorado na Universidade Isabel I.
Foi repartidor e camareiro, técnico de arquivos e documentación na Xunta de Galicia e coordinador na aplicación de proxectos de avaliación da docencia como o Programa Pisa. As práticas do Mestrado de Profesorado fíxoas no IES Avelina Valladares. Participou nas campañas arqueolóxicas da UVigo no xacemento galaico-romano da cibdá de Armea (Allariz) e, na actualidade, é guía cultural na contorna da Catedral de Santiago.
Dende 2019 forma parte da asociación Vagalumes, coa que participou na presentación de produtos culturais e facendo actividades de divulgación e defensa do patrimonio e o idioma. Esta asociación recibiu o Premio San Martiño de Normalización Lingüística 2020 e finalista dos Premios Rebumbio 2026. Neste último caso pronunciou un discurso que lle valeu o aplauso dos presentes e que, durante a presentación do Protocolo Lingua Vital, a asociación o recoñecese porque o alcalde felicitouno polas palabras que pronunciara.

En 2022 foi finalista nos Premios Youtubeiras, concretamente na categoría Youtubeiro Revelación. Foi grazas ao microproxecto de divulgación que realizou en YouTube.
Parte do seu traballo de fin de grao publicouno no número 24 da Miscelánea Histórica Cultural da Estrada. En 2024 foi coautor do libro Memorias dun Proscrito, de Manuel Coto Chan. El encargouse da biografía do autor.
Substituto de Reices
No acto tamén estivo o que segue a ser o voceiro do BNG na Estrada e a quen substituirá Borrageros, Xoán Reices. O nacionalista sinalou que o seu sucesor é “unha persoa honesta, intelixente, e traballadora. E isto é o único que se lle debe pedir a un político, anque lamentablemente non sexa o máis común”.
Si, o que non vale son eu
Xoán Reices · BNG
A deputada do BNG da comarca, Ariadna Silva, asegurou que “é o momento do cambio” e que “hai que abrir as portas do concello para que deixen entrar o aire que leva moitos anos estancado, cun goberno municipal sen proxecto definido mais que o de manterse no poder, e sen que as preocupacións reais dos veciños e veciñas teñan resposta nin por parte do goberno local nin por parte do goberno da Xunta”.
Imaxe de portada: Marcos Borrageros (centro) con Sindo Villamayor e Xoán Reices // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta