O voceiro do BNG, Xoán Reices, manifestou a súa preocupación pola falta de información que teñen cidadáns e comerciantes sobre como lles afectará a celebración do San Paio. Sinala que durante este periodo festivo prodúcense retiradas temporais de contedores, cortes de tráfico e limitacións de acceso a determinadas rúas.
“A cuestión non son as festas. A cuestión é como se organizan as festas e ata que punto se ten en conta ás persoas que viven e traballan nas zonas afectadas”, asegurou ante a falta de información que din ter os veciños e comerciantes da zona afectada polos festexos.
“O Concello ten a obriga de garantir a compatibilidade a celebración dos eventos festivos co respecto ao comercio local e á veciñanza. As festas son de todos e deben organizarse contando con todos”, continúa.
Dende o BNG sinalaron a importancia da comunicación previa para “garantir unha convivencia equilibrada entre a actividade festiva, a actividade económica e os dereitos da cidadanía”. “A mellor maneira de fortalecer as nosas festas é facelo desde o respecto, a comunicación e a colaboración coa veciñanza”, conclúen.
Imaxe de portada: actuación no San Paio 2025 // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta