Publicidade

Rapa, segundo curro: abanos e mangueirazos, tan protagonistas coma os cabalos

Na verbena do sábado a Olympus non puido actuar

O segundo curro da Rapa estivo moi marcado polo cambio de horario e pola calor. Se o sábado cando se abrían as portas as ringleiras chegaban á nova área de descanso — onde antes estaban as polbeiras –, na mañá deste domingo a xente foi chegando paseniñamente ata encher o recinto.

Seguindo coas comparacións entre curros, o do sábado viuse beneficiado polo horario de tarde en que a temperatura ía baixando e corría unha brisa que servía de alivio. Sen embargo, este domingo o aire nin se movía nin se agardaba que o fixese e as temperaturas non facían máis ca subir.

Por iso, nalgunhas zonas da grada facíase imposible ver a alguén sen un abano ou, cando menos, rodeado de alguén que tivese un. Ademais, houbo un protagonista que non era un aloitador, era o refrescador. O público demandaba que o refrescara posto que ía calor e estaban ao sol, polo que recibiu varios mangueirazos de auga.

O curro comezou cos aloitadores indo a polo Inglés, un garañón que non puxo fácil o acometido dos humanos. Non foron nin un, nin dous, senón tres os intentos que tiveron que facer para aloitalo.

Alén de varias caídas e golpes varios froito da loita coas bestas, o curro transcorreu sen grandes incidencias. Unha vez rematara o curro, cando as bestas estaban saíndo, foi necesario abrir un corredor na area para facilitar aos sanitarios atender a unha persoa do público que sufrira unha indisposición.

Incidencias na verbena

Amais dos cabalos a Rapa conta con outra protagonista: a música. Ao longo de cada xornada numerosos grupos danse cita en Sabucedo para animar o ambiente.

Para a verbena do sábado o gran aliciente era a orquestra Olympus. Por mor dunha falla eléctrica a agrupación non puido actuar. Dende a organización estiman que había unhas 3.000 persoas na festa.

Por iso, este domingo o presidente da Asociación Rapa das Bestas, Paulo Vicente, quixo pedir públicamente desculpas. Confirmou que o problema eléctrico foi alleo á organización.

Punto final

A Rapa porá o seu broche de ouro este luns co último asalto ás greas do Santo. Coma este domingo, o curro adiantarase unha hora respecto do habitual, comezando ás 11.00 horas. Tras iso, as bestas regresarán ao monte.

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo