López Bueno lamenta os atrasos nas obras da AG-59

López Bueno lamenta os atrasos nas obras da AG-59

O voceiro dos socialistas estradenses, Luis López Bueno, e a parlamentaria do PSOE, Paloma Castro, achegáronse este martes ata A Ramallosa para denunciar os atrasos na apertura do primeiro treito da AG-59, que conecta A Ramallosa con Pontevea. Lembraron que, segundo as previsións iniciais, estaría operativo en 2025 e, sucesivamente, foise aprazando a posta en marcha ata abril de 2026. Sen embargo, segue en obras.

“Estamos xa a mediados de xullo e a realidade é que o tramo novo segue sen abrir e o tramo da Ramallosa continúa cortado, demostrando que os anuncios da Xunta valen cada vez menos”, denunciou Paloma Castro.
López Bueno lamentou que “a Xunta siga xogando cos prazos e coa paciencia dos veciños e veciñas mentres milleiros de persoas sofren diariamente as consecuencias desta mala planificación”.

Ademais, criticaron que non existan prazos concretos para a apertura da ampliación ata O Rollo. “A única certeza que temos é que o Goberno galego organizou un gran acto institucional, con maquinaria de obra de todo tipo como escenario, para anunciar un inicio que continúa sen data. Moita foto e moita propaganda, pero non se quitou unha soa palada de terra”, afirmou López Bueno.

“Os veciños e veciñas da Estrada están cansos de promesas incumpridas. Merecen información veraz, prazos realistas e, sobre todo, que as obras avancen ao ritmo comprometido. A Xunta non pode seguir gobernando a base de titulares e fotografías mentres incumpre sistematicamente os seus propios compromisos coa Estrada”, concluíron Luis López Bueno e Paloma Castro.

Imaxe de portada: López Bueno e Castro na Ramallosa // cedida

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo