Os días festivos habituais, o 26 e 27 de xuño, son sábado e domingo
Este xoves a comisión informativa de Organización, Persoal e Asuntos Xerais reunirase ás 20.00 horas. Nela debaterase a proposta de festivos locais para 2027, que terán como condicionante que as datas habituais — 26 e 27 de xuño — serán sábado e domingo, respectivamente. Por iso, a opción que se porá sobre a mesa será a de que sexan o xoves 25 e o venres 26 de xuño.
Deste xeito, as xornadas festivas manteríanse nas festas de San Paio, como vén sendo habitual. Esta proposta fíxose tendo en conta a opinión da Mesa Local de Comercio e o Consello Económico e Social. Un dos entres representados, a Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE), chegou a facer unha enquisa entre os seus asociados.
Tras o seu paso pola comisión informativa, o seguinte paso é a aprobación en pleno. A previsión pasa por que se faga no ordinario do mes de agosto, que se celebrará o xoves 6.

Festivos en 2027 (xa aprobados)
- 1 de xaneiro (Aninovo)
- 6 de xaneiro (Día de Reis)
- 19 de marzo (San Xosé) *
- 25 de marzo (Xoves Santo)
- 26 de marzo (Venres Santo)
- 1 de maio (Festa do traballador)
- 17 de maio (Día das Letras Galegas)
- 12 de outubro (Festa Nacional de España)
- 1 de novembro (Todos os Santos)
- 6 de decembro (Día da Constitución)
- 8 de decembro (Inmaculada Concepción)
- 25 de decembro (Natividade do Señor / Nadal)
* En 2027 o Día Nacional de Galicia (25 de xullo) é domingo, polo que se optou por elixir festivo o 19 de marzo, a outra opción que o Estado lle ofrece ás comunidades autónomas.
Imaxe de portada: parte da corporación municipal na procesión do San Paio // Xornal da Estrada



Deixa unha resposta