Publicidade

Cando un pai se vai e non sabes como despedirte

Juan Carlos González · PSOE

Hai cousas para as que un nunca está preparado. A morte dun pai ou dunha nai é unha delas. Por moito que saibamos que forma parte da vida, cando chega o momento descubrimos que unha cousa é entendelo e outra moi distinta é asumilo.

Cando a enfermidade aparece, todo cambia. As prioridades, as preocupacións e a maneira de entender o tempo. Aquilo que antes parecía urxente deixa de selo, mentres que os pequenos momentos adquiren un valor especial. Unha conversa, unha mirada, compartir un intre ou, simplemente, estar ao lado de quen queremos. Ás veces non fai falta dicir nada. Abonda con estar.

E, cando chega a despedida, quedan moitas preguntas. Se aproveitamos suficientemente o tempo, se dixemos todo o que queriamos dicir ou se poderiamos ter feito algo máis. Supoño que son preguntas propias da perda e para as que non sempre hai resposta. Porque un nunca está preparado para despedirse de quen formou parte da súa vida desde o principio.

A perda dun pai ou dunha nai tamén lévame a pensar no que queda de nós cando xa non estamos. Non falo unicamente dos recordos, senón dos valores, dos exemplos e das ensinanzas que recibimos, moitas veces sen decatarnos. Dunha maneira de entender a vida que acaba acompañándonos mesmo cando xa non podemos compartir o camiño con quen nola transmitiu.

Quizais esa sexa unha das grandes ensinanzas que se constrúen en silencio, coa constancia, co compromiso e coa maneira de estar cos demais. E son precisamente esas ás que, co paso do tempo, deixan unha pegada máis profunda.

Esta reflexión tamén ten moito que ver coa maneira de entender a vida pública. Quen dedicamos parte do noso tempo á política deberiamos lembrar porque estamos aí e cal é o sentido das responsabilidades que asumimos. É fácil quedar atrapado na discusión diaria, nas diferenzas e nas aparencias. Pero, cando a vida nos obriga a distinguir o importante do accesorio, comprendemos que o esencial segue estando nas persoas.

Por iso, quero quedar co aprendido, co compartido e co exemplo recibido. Coa responsabilidade de procurar que aquilo que me ensinou non permaneza unicamente na lembranza, senón que siga presente na miña maneira de actuar.

Non sei se existe unha forma correcta de despedirse dun pai ou dunha nai. Hai palabras que non saen, conversas que un daría calquera cousa por recuperar e momentos nos que ningún texto é capaz de expresar o que sentimos. Quizais tampouco sexa necesario atopar unha despedida perfecta. Ás veces abonda con agradecer o camiño compartido e intentar estar á altura do que recibimos.

Porque, ao final, o importante non é só o que conseguimos na vida, senón como vivimos, como tratamos os demais e que deixamos neles cando xa non estamos.

Por iso, pai, non sei moi ben como despedirme de ti. Pero sei que seguirás formando parte da miña maneira de entender a vida. E que unha das mellores formas de honrar o que me deixaches será procurar que os valores que recibín sigan tendo sentido no que fago cada día.

Queres ler máis artigos coma este?
Visita o espazo web de Politicando!

Comentarios

Deixa unha resposta