Román Suárez · PSOE
Hai cuestións que non precisan grandes discursos para demostrar que algo falla. Ás veces abonda con mirar unha rúa. Na Estrada, a Avenida de América e os terreos que a rodean son hoxe unha boa metáfora dunha maneira de facer política urbanística demasiado baseada nos anuncios e demasiado pouco na execución.
A Estrada ten un Plan Xeral de Ordenación Municipal que, (como todos), deseñou un modelo urbano que apostaba por reforzar o núcleo da vila, completar os espazos urbanos inacabados e mellorar as redes e infraestruturas. Ademais, o propio PXOM identifica o ámbito SUNC-R01, Avenida de América, como unha peza destinada a completar a trama residencial do centro e a obter terreo para aparcamento público.
O que falta é algo moito máis elemental: executar.
O ámbito da Avenida de América non é un recuncho periférico sen importancia estratéxica. É unha peza central da vila. O PXOM, aprobado en 2013, consideraba prioritario o seu desenvolvemento precisamente pola súa localización e pola necesidade de ordenar varias mazás incompletas e rúas sen saída. O prazo previsto no Plan Xeral era de 4 anos e xa van 13.
O desenvolvemento conxunto dos ámbitos SUNC-R01 e SUNC-R02 abrangue arredor de 36.990 metros cadrados. O proxecto contempla novas conexións viarias, a prolongación da rúa Forcarei e da rúa Cerdedo e a apertura de saídas para rúas que actualmente rematan, literalmente, en espazos sen urbanizar.
É difícil atopar unha definición máis clara do que debería ser unha política urbana: aproveitar solo situado no corazón da vila para crear cidade, conectar rúas, xerar espazo público, facilitar vivenda e mellorar a mobilidade. Con este goberno, o papel aguanta todo, que está moi ben, pero a súa capacidade non está á altura.
O Concello encargou en 2020 a redacción dun borrador do Plan Especial de Reforma Interior. O documento superou o trámite ambiental e obtivo informe favorable de Patrimonio con condicionantes. En 2022 presentóuselle aos propietarios afectados. A finais de 2024 o expediente aínda estaba pendente de avances substanciais e, o día 10 deste mes iníciase a prórroga do estudo ambiental, sen avance ningún durante dous anos.
Isto xa non se pode presentar simplemente como unha dificultade administrativa. Cando unha actuación considerada prioritaria polo propio PXOM permanece durante anos sen materializarse, o problema pasa a ser político: quen goberna ten a responsabilidade de desbloqueala.
O mercado da vivenda tampouco permite seguir mirando para outro lado. O número de licenzas emitidas polo Concello é ridículo nos últimos anos, e non por falta de interese en construír, nin por falta de demanda de vivenda
Os datos de Idealista mostran que o prezo da vivenda en venda en A Estrada, tras unha caída importante durante 2025, recuperou con forza en 2026. En xullo de 2026 situábase en 747 euros por metro cadrado, cun incremento anual do 15,3 %.
Non estamos, polo tanto, ante un mercado completamente morto no que desenvolver solo urbano fose unha cuestión secundaria. Hai demanda, quere haber actividade inmobiliaria e hai un contexto no que aumentar a oferta de vivenda e mellorar a calidade urbana debería formar parte das prioridades municipais.
Para este goberno, urbanismo significa simplemente pavimentar unha rúa, pintar un paso de peóns ou instalar mobiliario urbano.
Facer vila significa decidir onde medramos, onde poñemos vivenda, como conectamos as rúas, que espazos públicos queremos, onde aparcamos, como facemos accesible o centro e que terreos reservamos para usos públicos.
Precisamente por iso resulta significativo que o Plan de Accesibilidade municipal xa detectase na Avenida de América a necesidade de ampliar beirarrúas e eliminar obstáculos. O documento municipal describe ademais a zona como un vial de alta concorrencia e sinala a necesidade dunha actuación de humanización. A pesar disto, a Avenida de América parece unha rúa dos anos 80.
En 2024, o alcalde Gonzalo Louzao apuntaba que o desenvolvemento do entorno da Avenida de América —SUNC-R01 e R02— tería «pronto» novidades. Espero que a prórroga do estudo ambiental sirva como toque de atención. Gonzalo prometer, promete. Cumprir é outra cousa.



Deixa unha resposta