Marcos Borrageros · BNG
Setembro foi sempre un mes de cambio e transición. Un paso inevitable entre as longas horas de sol, a calor do verán e o retorno das néboas, as choivas e o frío do outono, por moito que aínda custe sacar os pantalóns curtos. Malia que os corpos axiña piden máis verán, luz e relaxación, o outono sempre foi a volta ao equilibrio que o ánimo tamén reclama. Unha infusión, un xersei e volvemos ao choio.
Co comezo do mes, tamén é bastante habitual que se mesture a volta ao cole e o remate das vacacións co inicio do curso político. Moitas caras morenas, acariñadas polo sol das praias, volven a encher o congreso, o senado, os parlamentos e os concellos. Lombos descansados, que retornan a gobernar os problemas que deixaron sen atender e máis os novos que aparecen a cada semana.
Namentres, unha nai prepara os rapaces para regresar ás aulas. Este mes a conta do banco vai xusta, pois houbo que mercarlles roupa nova e todo o material que pediron no colexio. Noutro piso, un mozo chega do traballo co tempo xusto para comer algo e saír cara a universidade. Na súa casa a economía non chega para pagarlle o alugueiro compartido con outros 5 compañeiros nas aforas da cidade. Nunha casa do rural, unha xubilada agarda o bus dos rapaces para poder ir facer os recados á vila, posto que en todo o verán non houbo transporte público e, dende que marchou a xente, xa non queda a tenda do ultramarinos, nin sequera a taberna para xuntarse. Noutro andar, un fillo come os miolos porque todas as horas na empresa non lle deixan facerse cargo da súa nai dependente, mais tampouco pagar a residencia privada que está cerca, haberá que facer quilómetros para visitala, cando o traballo o permita, claro.
Comeza un novo curso político, si. Este aparellado de dobre ración electoral, sexa local ou estatal. Encheranse ríos de tinta falando de enquisas, promesas, extremos, catástrofes e escándalos… o típico dun luns calquera na redacción dalgún medio dos que bombardean con información non contrastada, pois é mais importante dicir as cousas rápido que dicilas certas.
Por suposto, é difícil fuxir do furor e a anticipación dunha convocatoria electoral. Inevitablemente, todas e todos falaremos de listas e candidaturas, de forzas políticas, de escenarios irreais e posibilidades remotas porque, aló no fondo, temos intereses comúns.
Interésanos que a xente que queremos poida vivir ben, sen ter que contar os cartos para poder vestir os rapaces. Queremos que a vivenda deixe de ser a lousa que estrangula a economía familiar, sexa a dos universitarios que buscan un porvir ou a dunha familia que quere asentar o seu proxecto de vida. Desexamos un rural vivo, onde as casas non teñan que quedar baleiras e os servizos cheguen a diario, como sempre o fixeron, porque hai comunidade. Devecemos poder estar mais preto dos nosos, ter tempo para xuntarnos e que todos estean cerca e ben atendidos, unha recompensa xusta a toda unha vida de traballo.
Efectivamente, acabamos de comezar un novo curso político, mais eu prefiro falar dun novo curso para a política. Pois é precisamente agora cando debemos reflexionar e decidir novamente sobre o noso futuro, fuxindo do ruído, o fume e as promesas baleiras. Necesitamos, por fin, ser donos da nosa decisión e sentirnos representados nesas caras que vaian ocupar os asentos das institucións.
Eu son o primeiro que desfruta dun bo día de praia, non volo vou negar, pero sempre me sentín máis representado nas caras morenas de quen tivo que apañar a herba no verán ou traballar nun andamio baixo un sol de xustiza. Síntome máis representado nos lombos cansos que non teñen a ocasión de retornar a un asento cómodo con horarios flexibles que permiten a conciliación.
Para este novo curso da política é importante rodearnos de xente real, persoas que teñan os nosos mesmos problemas e tamén os nosos desexos, pois só a través da xente que vive unha realidade como a nosa podemos construír un futuro compartido, sen que nos vendan paxariños dende arriba.
Sexa pois este o comezo dun novo curso para a política, coa xente no centro e o futuro ao alcance. Unha infusión, un xersei e volvemos ao choio.




Deixa unha resposta