O 24 de xullo a Asociación de Mulleres Rurais comezou unha etapa. Aquel momento cheo de emoción chegou tras varios momentos de traballo. Un mes despois conversamos con Pilar Riveiro e Margarita Bonet, dúas das persoas que deron o primeiro paso para que regresara a actividade ao local social da parroquia.
“Un día atopámonos Marga máis eu e dixen ‘oe Marga, que che parece se volvemos recuperar a asociación?’. Non fixo falta repetilo”, resume Pilar o inicio da nova etapa. “A nosa intención é que a parroquia estea máis unida”, comenta Margarita, ao que Pilar engade que “queremos dinamizar a parroquia, que a parroquia volva ter vida. Queremos crear parroquia”.
Ao preguntar se perciben o interese dos veciños, Margarita recoñece que “esperamos ter máis” e que, segundo se vaian dando a coñecer máis — xa fixeron un buzoneo e apareceron na prensa –, “veñan máis”. Pilar engade que na inauguración do local viuse que “había interese” pero que “quizais había máis representación de fóra da parroquia” ca da parroquia. “Tamén é certo que van vindo [aos poucos]”, sinala.
“Queremos que as mulleres e as súas familias participen en todas as actividades”, comenta Pilar Riveiro. Aínda que estas están orientadas a un público feminino, abren a porta a que se poidan achegar varóns. Exemplifícao co curso de exercicio físico que comezaron o xoves 3. “Está dirixido a mulleres, pero iso non quere dicir que se hai algunha persoa que ten un neno e non ten con quen deixalo o traia aquí”, comenta.

De cara o futuro, teñen en mente máis actividades. Entre elas atópase, aínda coa data por definir, unha xornada na que se poderá aprender a manexarse coas sedes electrónicas de cada administración. Entre os contidos tamén estarán a busca de parcelas no Catastro, solicitar licencias e permisos ou legalizar pozos de auga en Augas de Galicia. Será de balde para as socias. Do mesmo xeito, calquera socia que necesite facer un trámite a través da sede electrónica e non sabe poderá pedir axuda á asociación.
En relación ao convenio que asinaron coa Fundación Salma xunto outras seis asociacións de mulleres, Pilar sinala que consideraron importante ter en conta a saúde mental, área de especialización de Salma. “Segue sendo moi tabú. Ir ao psicólogo aínda hai moitos que seguen dicindo ‘eu non estou tolo’”, comenta. “Incluso en xente nova”, engade. “Ao mellor na parroquia eu sei que esta persoa non ten rede de apoio e está coidando de seu pai, de seu marido e está sempre triste e deprimida. Pois, quizais, non está triste e deprimida, se cadra ten un problema de saúde mental e o que queremos é detectar iso no principio e poder botar unha man”, explica.
Antes de poder chegar á inauguración tiveron un traballo de gran calado: acondicionar o local social. “Non vos podedes facer unha idea de como estaba isto”, di Pilar. Tiveron que pintalo, arranxalo, colocar portas e retirar grandes cantidades de lixo. O traballo levoulles dous meses e medio, tendo en conta que teñen os seus respectivos traballos e familias. Iso si, contaron coa axuda dos seus familiares e de varios veciños que colaboraron, incluso, mentres estaban de vacacións. Margarita Bonet recoñece que “cando chegamos aquí pensei que nos ía levar máis”.
Co “a recompensa está a vista” de Marga e coa convicción de que non se van render “tan fácil” remata esta conversa. Á vez, comezan a prepararse para unha das sesións de actividade física coa que están retomando a actividade na parroquia.
Imaxe de portada: inauguración do local social, 24 de xullo // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta