Publicidade

7 asociacións únense para mellorar a saúde mental, especialmente a das mulleres

Este xoves a Fundación Salma presentou o convenio que vén de asinar con sete asociacións de mulleres. Grazas a el colaborarán na mellora da saúde mental, especialmente das mulleres. Polo momento forman parte do acordo catro asociacións do casco urbano e as asociacións de mulleres rurais de Lagartóns, Santeles e Cora, aínda que teñen a porta aberta a que se unan máis. Tamén colaborarán o Concello da Estrada coa cesión de espazos e o centro de saúde da Estrada.

No acto participaron Ana González, presidenta da Fundación Salma, Rocío Lodeiro, en representación da Asociación Mulleres que Poden e Mulleres e Igualdade da Estrada, María Dolores Méndez, Anxos Pais, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Cora, e Pilar Riveiro, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Lagartóns.

Todas coincidiron ao sinalar que as máis afectadas por doenzas vencelladas á saúde mental son as mulleres, quen moitas veces seguen a ser as responsables de coidar dos familiares. Engaden que é especialmente o caso das mulleres rurais, que contan con menos ferramentas. Apuntan a que, como consecuencia do desgaste a nivel de saúde mental que supón estar ao coidado doutras persoas, aparecen outras doenzas de carácter físico.

No primeiro programa que terán grazas a este convenio primeiro detectarán que poboación é susceptible de necesitar axuda. Unha vez se vaia creando ese grupo, formarán ás persoas interesadas “para que actúen como faros”. Contarán co apoio do Concello para facer reunións e charlas formativas e co centro de saúde da Estrada, que derivarán posibles casos de soidade non desexada. Crearán espazos seguros de encontro onde se dará capacitación dixital, charlas de benestar ou ferramentas para a convivencia e a resolución de conflitos.

Con esta iniciativa buscan mellorar a situación das persoas a nivel de saúde mental a través do acompañamento. Segundo a presidenta de Salma, Ana González, é un servizo “que non hai en Galicia”. Fano nun momento no que, sinalan, é máis fácil medicar que recibir atención profesional por parte dun psicólogo ou psiquiatra.

A importancia das asociacións do rural neste proxecto reside en que coñecen os veciños, polo que “podemos saber que persoas poden necesitar axuda”, dixo a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Lagartóns, Pilar Riveiro. Sen embargo, subliñan, esta só é “unha porta na que chamas e podes entrar”.

Aqueles que queiran ser partícipes poden contactar coa Fundación Salma chamando ao 623 005 377 ou escribindo ao correo fundacionsalmagalicia@gmail.com. Están abertos a que outras asociacións se adhiran ao convenio, ampliando a rede a outras parroquias.

O 9% dos estradenses, con problemas de saúde mental graves

Segundo datos do centro de saúde da Estrada, o 9% dos estradenses tería diagnosticado algún problema de saúde mental. É dicir, unhas 600 persoas, 300 deles homes e outras 300 mulleres.

A iso habería que sumar, apuntan as participantes na presentación, todos os casos non diagnosticados e casos de menor gravidade. Engaden que, a día de hoxe, a saúde mental segue a ser un tabú. “Temos que abandonar o ADN galego do ‘é o que hai’”, di Ana González. Segundo a presidenta de Salma, Galicia lidera o ránking de consumo de psicofármacos a nivel nacional e, ata non hai moito tempo, España liderou a nivel mundial.

Máis proxectos de Salma na Estrada

Aínda que a Fundación Salma fundouse en 2020 na Coruña, hai un ano trasladaron a súa sede á casa rectoral de Agar, na Estrada. No caso de acadar o financiamento suficiente, gustaríalles convertela nunha residencia para persoas con afeccións de saúde mental.

Ademais, o 15 de outubro presentarán na Coruña unha guía de saúde mental infantoxuvenil. Máis tarde, nunha data pendente de concretar pero que confían que sexa antes de que remate o ano, presentarana na Estrada. Ao longo dos seus 20 capítulos poderase aprender a detectar alarmas a tempo na saúde mental dos máis novos.

Imaxe de portada: presentación do convenio // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo