Hai case medio século, unha decisión con moita vista permitiu crear unha Zona Deportiva na que adestran e compiten a diario un milleiro de persoas. Hoxe, con máis de 40 hectáreas e moito futuro por diante, a Cidade Deportiva é o seguinte paso.
Gonzalo Louzao Dono · PP
En política, en xestión pública se o prefiren, hai que saber mirar sen ver. Dito doutro xeito: hai que ver máis aló do que alcanza a vista. Isto foi exactamente o que pasou na Estrada hai camiño de medio século, cando se deron os primeiros pasos cara o que foi un dos maiores acertos urbanísticos do noso municipio. Adoptouse entón unha decisión que non me cansarei de aplaudir e de recoñecer publicamente.
Pensei nela hai uns días, xusto cando inauguramos a reforma do campo de fútbol Manuel Regueiro. Nunha preciosa mañá de sábado, cun tempo excepcional e moitas familias concentradas na contorna, volvín reparar en que a Zona Deportiva da Estrada é un auténtico luxo e un acerto maiúsculo.
Nunha zona boscosa de Figueiroa de Arriba, situada a medio quilómetro da vila, albiscouse a fins da década dos 70 a oportunidade de centralizar naquel lugar coñecido como Os Ramos as futuras (velaquí a capacidade de ver máis aló) infraestruturas deportivas e educativas da capital estradense. Aquel goberno estradense decidiu mercar unha bolsa de terreo carente de todo servizo e que viría a se converter no embrión da que hoxe quixera, se mo permiten, empezar a rebautizar como a Cidade Deportiva da Estrada.
Continente e contido
O campo Manuel Regueiro que vimos de reformar coa axuda da Deputación de Pontevedra é, sen xénero de dúbida, unha das infraestruturas máis empregadas nesta cidade destinada á práctica deportiva. Pero non é, nin moito menos, a única. Ter o continente axeitado permitiu ir artellando o contido, de xeito que A Estrada conta hoxe en día cunha superficie de máis de 40 hectáreas que nos permite presumir dun complexo deportivo cunha accesibilidade e comodidade que é moi difícil de atopar. Nel danse cita cada día máis de 1.000 deportistas locais. Iso foi saber mirar con perspectiva.
Se no terreo das infraestruturas educativas o IES Antón Losada Diéguez foi o primeiro en aterrar no lugar, en materia deportiva as primeiras pedras puxéronas o pavillón Coto Ferreiro e as piscinas municipais, chegando despois as pistas de tenis, o campo de fútbol, ou o frontón. Algunhas dotacións xa non existen hoxe (como a antiga pista de karts) e outras foron reconvertidas (caso da pista de baloncesto ao aire libre que cedería o seu espazo ao pavillón multiusos ou un frontón que hoxe é a casa do Estrada Pádel). Pero o importante é que se mantivo a filosofía de saber ver o que aínda está por chegar.
É por iso que sumamos a todo este espazo piscina climatizada, pista de BTT, pista de ciclismo, campo de fútbol 7 ou o Novo Municipal, sen esquecer unha flamante pista de atletismo e un módulo anexo que pronto poderán estrear os estradenses, tanto para asegurar os adestramentos e a práctica de disciplinas atléticas a cuberto como para se converter na casa de deportes como as artes marciais.
Está claro que, se houbo visión, non podemos correr o risco de ter miopía. E o Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación está axudando moito a manter a nosa saúde visual. Porque se ter é clave, manter é fundamental. Por iso as catro convocatorias deste plan provincial se destinaron ás piscinas, ao Manuel Regueiro, ao Novo Municipal (pronto se cambiará o tapete e a iluminación) e agora levarase á reforma das pistas de tenis.
Saber mirar. Esa é clave. Disto vai este artigo. De entender que o que hoxe damos por feito foi, nalgún momento, unha decisión valente de alguén que soubo imaxinar como sería A Estrada décadas despois. Tócanos a nós seguir facendo o mesmo. Porque estas máis de 40 hectáreas nas que hoxe se concentran todas estas instalacións municipais xa son moito máis ca unha zona deportiva. Son un espazo de referencia para o deporte estradense en particular e galego en xeral; un lugar no que cada día adestran e compiten centos de persoas e que aínda segue tendo capacidade para medrar.
Quizais sexa tempo, polo tanto, de empezar a mirar este espazo tamén con outros ollos. De deixar de velo unicamente como a Zona Deportiva e comezar a velo polo que xa é e polo que pode chegar a ser: a nosa Cidade Deportiva.



Deixa unha resposta