Publicidade

Móvete non se presentará ás municipais: “a nosa presenza non está contribuíndo a quitarlle o goberno ao PP”

Móvete anunciou este sábado nunha rolda de prensa que non se presentarán ás municipais de maio de 2027. Segundo sinalou a voceira do partido, Mar Blanco Casais, foi unha “decisión moi meditada” na que levaban varios meses pensando e se formalizou este venres nunha asemblea.

Asegurou que, ata os comicios, “seguiremos traballando a nivel institucional” e “recollendo queixas”. Considerou que “tivemos moito mérito” porque constituíron un partido feito “por e para os veciños”. Engadiu que a maioría de partidos que, como eles, xurdiron no eido das mareas xa perderon a súa representación, algo que a eles non lles aconteceu.

Blanco Casais lembrou que “o noso obxectivo era sacarlle a maioría ao PP”, pero os populares seguiron medrando en representación. Por iso, di, “a presencia de Móvete non está contribuíndo a quitarlle o goberno ao PP” e “chegou o momento de non seguir dividindo á esquerda”.

Pola súa banda, o que foi o concelleiro que acompañou a Mar Blanco nos plenos entre 2019 e 2023, Iván Sanmartín, salientou que “este tipo de movementos veciñais son difíciles de manter no tempo”. Pese a iso, foron o único partido xunto a PP, PSOE e BNG que conseguiron ter representación na Estrada durante tres lexislaturas.

A nivel persoal, Sanmartín quixo agradecer aos que non votaron a Móvete por tratalo “con afecto”. Engadiu que o resto de forzas tiñan “un certo respecto” ao partido.

O futuro de Móvete é incerto. Polo de agora a decisión é non presentarse ás municipais, mais aínda non tomaron a de se disolver o partido ou non. Polo de agora, o panorama electoral na Estrada queda con tres partidos que se presentarán: PP, PSOE  e BNG.

Imaxe de portada: compoñentes de Móvete // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta