A principios de xullo chegaban á Estrada dúas rapazas saharauís. Facíano no marco do programa Vacacións en Paz, o proxecto de acollida temporal que dende hai xa moitos anos coordina a entidade Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Agora, chega o momento de dicirlles ‘adeus’.
“Agora o duro é vela marchar, pero temos a esperanza de que volva para o ano”, dixo este venres Jenny Pazos, unha nai que se estreaba no programa, durante a recepción que lle fixeron ás rapazas participantes e ás familias acolledoras. Será luns cando emprendan a viaxe de regreso, polo que xa están inmersas na preparación da maleta. “Hai que ver moi ben o que poden levar e o que non, ademais de que son 23 quilos nos que non te podes exceder nin un gramo. Produtos de aseo, hixiene, algunha conserva…algo que lles facilite alá e que tamén lles lembre isto”, explicaron.
“A experiencia é marabillosa e moi gratificante. É algo que hai que vivir, non se pode explicar. Eu estou encantada con ela, que é xa unha máis da familia; unha filla máis”, comentou Jenny. Explicou que o que máis lle sorprendeu foi “o rápido que aprenden”. “Esta nena veu sen falar nada de español e vai falando bastante ben. Non sabía nadar e aos dous días estaba facendo mergullo xa. Tamén sacan carácter”, dixo. “A ela penso que lle sorprendeu un pouco todo: a familia, a unión, ir con amigos, a piscina… Penso que lle chama moito a atención esta vida que, por suposto, non teñen alá”, relatou.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, loou que estas familias acollesen rapazada saharauí. “Eles levan a mochila cargada de recordos que os marcarán durante as súas vidas, pero os nenos da Estrada aprenden tamén moito deles e dálles unha sensibilidade especial”, considerou antes de desexar que regresen o ano que vén.
Agora desfrutan das súas últimas horas na Estrada, antes de luns emprender a viaxe de volta aos campos de Esmara e Auserd. Como agasallo do Concello levarán unha mochila con artigos de hixiene persoal, roupa e libros infantís.
Imaxe de portada: recibimento ás rapazas, en xullo de 2026 // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta