Os integrantes do Padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística, impulsados polo Concello da Estrada, emitiron o fallo da convocatoria deste ano. O premio da comarca de Tabeirós-Terra de Montes foi parar para a asociación Coto Manguelo, a nivel galego premiouse a Leilía e no contexto de toda unha vida, á empresa Eferro.
O xurado formárono Lucía Seoane Rosende, Iván Sanmartín Eirín, José Parada Caramés, Henrique Vázquez Pernas, Xosé Lueiro Lemos e María Sanmartín Ruzo, esta última exercendo como secretaria. Os premios entregaranse o xoves 12 de novembro ás 20.30 horas no Teatro Principal.
Asociación Cultural Coto Manguelo, Premio San Martiño Comarca Tabeirós-Terra de Montes
Fundada a comezos do ano 2000, foi durante dúas longas décadas unha das entidades sen ánimo de lucro máis activas do rural estradense. Co obxectivo de dinamizar a vida veciñal e promover a cultura e a lingua no ámbito rural, e impulsada por unha nova directiva de mozos e mozas despois de varios anos de inactividade, a asociación volveu a convocar proxectos coma o festival Manguelo Folk, a Mostra de Teatro Afeccionado de Orazo da que se cumpren 18 edicións, andainas micolóxicas e distintos obradoiros relacionados co folclore e a cultura tradicional.
O Premio San Martiño á Dinamización Lingüística será o segundo galardón que recibirán este ano, pois xa foron premiados nos Premios Rebumbio, onde foron distinguidos como Mellor Iniciativa Cultural en Redes.
Leilía, Premio San Martiño Galicia Enteira

Fai dous anos que o histórico grupo de pandereteiras Leilía decidía poñer o broche final a unha traxectoria de tres décadas e media sobre os escenarios que comezou no ano 1989. Unha agrupación pioneira da música tradicional e folk de Galicia que percorreu as aldeas recompilando pezas tradicionais que formaron parte dos seus concertos e de discos como I é verdade i é mentira, Consentimento, Son de Leilía, ou Vidas cantadas. Con este galardón, as persoas que integran o xurado destes premios veñen saldar unha débeda contraída con un dos proxectos musicais máis importantes da historia da música galega.
Eferro, Premio San Mariño Toda unha Vida
A firma de artesanía crucense Eferro, hoxe liderada pola artesá Elena Ferro Lamela, destaca polo seu traballo cun produto moi representativo da tradición rural: os zocos de madeira. Esta empresa familiar leva en vigor tres xeracións dende que a fundara seu avó no ano 1915, converténdose nunha ferramenta indispensable contra a despoboación e infravaloración do medio rural e na defensa da cultura popular. Elena Ferro soubo recoller o legado familiar e, con innovacións constantes, adaptarse ás necesidades e tendencias do mercado comercializando os seus produtos en países como Alemaña, Estados Unidos ou Nova Zelandia. Foi recoñecida co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019.

Imaxe de portada: o Coto Manguelo nos Rebumbio // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta