O voceiro do PSOE, Luis López Bueno, manifestou o seu desacordo cos orzamentos da Xunta para 2027 pola “decepcionante” falta de investimento na Estrada. Centrou as súas críticas na ampliación do polígono de Toedo, do que asegura que non foi dotado cunha partida orzamentaria que permita avanzar cara a execución das obras. Pola contra, este mércores dende a Xunta confirmaron que as obras comezarán en 2027.
Segundo López Bueno, “cando chega o momento de poñer os cartos enriba da mesa, a Xunta volve deixar A Estrada fóra das súas prioridades. Sen financiamento non hai obras, e sen obras non hai novas oportunidades para as empresas nin para o emprego”. Engadiu que Gonzalo Louzao “quedou retratado” ante os empresarios porque “foi Gonzalo Louzao o que lles anunciou que se iniciarían os traballos en 2027 cun investimento superior aos 13 millóns de euros”.
Cómpre sinalar que os orzamentos da Xunta para o ano 2027 recollen que ese ano o Xestur investirá un millón de euros para o polígono. Sería parte dos 11.827.978 euros que custaría. Marcan como ano de remate das actuacións 2029. Hai que ter en conta que os proxectos que se prolongan durante varios anos adoitan repartir o financiamento total en partidas anuais, tal e como está acontecendo coa ampliación da AG-59 e a construción de vivenda pública. O delegado da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, nunha visita ás instalación de Hierros Diego en Toedo confirmou que as obras da ampliación comezarían en 2027.
| Investimento proxecto | Ano inicial | Ano final | Custo total | Orzamento 2027 |
| Parque Empresarial de Toedo – A Estrada | 2023 | 2029 | 11.827.978 | 1.000.900 |
Pese a iso, o socialista avanzou que presentarán unha enmenda ao orzamento para que “o Polígono Industrial apareza con nome, apelidos e dotación económica no orzamento de 2027”.
Ademais, apostou por colaborar coa Zona Franca de Vigo para atraer investimentos e xerar emprego de calidade. “Pode ser unha oportunidade para dar un salto importante, atraendo industria e emprego”, asegurou.
Alegación contra a gasolineira
Noutra orde das cousas, este xoves o PSOE estradense presentou unha alegación contra a gasolineira da Baiuca. Tal e como se avanzou anteriormente, fundamentouse na proximidade á escola infantil.
Imaxe de portada: polígono de Toedo // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta