O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, informou este martes de que o Concello renovou con fondos propios o paseo da contorna da Fervenza de Callobre. A actuación, que chegou tras unha petición veciñal, centrouse nas diferentes pontes e pasarelas coas que conta.
“Necesitaba unha mellora importante e, para iso, dende o Concello renovamos todas as instalacións que había”, resumiu o rexedor. Sinalou que as pontes atopábanse en mal estado por mor do paso do tempo e da acción da auga na propia madeira.
Esa situación xa a fixera pública este mesmo medio en marzo de 2025, nun artigo no que se daba conta da denuncia pública feita por un cidadán.
Co espazo xa renovado, Louzao aproveitou a ocasión para convidar aos estradenses a visitar esta zona bañada polo río Curantes. O percorrido é pequeno e pode facerse cara a parte alta de fervenza ou cara o pé. O salto de auga ten uns 10 metros de alto e atópase rodeado de carballos, piñeiros e zonas con muíños. Nas proximidades tamén está o castro de Callobre, un poboado castrexo da Idade de Ferro.
Imaxe de portada: unha das pontes // Concello da Estrada

Deixa unha resposta