Publicidade

“Cada vez que o remato estou agardando ao seguinte, porque é algo que te fai aproveitar o verán”

Nos últimos días 14 rapaces e rapazas participaron no campo de voluntariado Memoria Viva, organizado pola asociación A Xesteira. Celebrouse en Couso. No Xornal da Estrada puidemos falar hai varios días con seis dos seus participantes. Concretamente con Ricardo e Shu, de Galicia, Natalia e Lucía, de Estremadura, Ainhoa, da Comunidade Valenciana, e Mercedes, de Madrid.

Os seis coincidiron en sinalar que o estaban pasando ben. Ainhoa recoñecía que tiña ganas de vivir a experiencia e Ricardo, que xa participara noutro campo de voluntariado, que lle gustaba a parte de “organizar festas” e “que estemos xuntos cociñando”. Tanto Shu coma Mercedes xa estiveran noutros voluntariados medioambientais, pero a experiencia do festival As Nosas Músicas estalles “gustando moito”.

“Ter que facer unha tarefa e, despois, outra, vaste mellorando, por así decilo. En plan, podes facer un pouco disto, un pouco do outro, aprendes da xente”, destacaba Ricardo da experiencia. Lucía poñía en valor o “levarnos coa xente da aldea” e “que nos integraran tan ben”, algo no que coincidían Natalia e Shu. Natalia engadía que “divertímonos un montón” e que “foi unha gran experiencia”. Shu tamén destacaba o ter coñecido xente de fóra de Galicia.

“Este chamounos moito a atención porque mesturaba a parte do festival co de recoller a memoria das mulleres de aquí”

Lucía, Estremadura

“Xa é o cuarto voluntariado que fago e sempre en Galicia, porque encántame. Tanto o entorno, como a temática, o ambiente, a xente… cero pegas”, recoñeceu Mercedes. As estremeñas Natalia e Lucía comentaron que chegaron despois de que uns amigos lles falasen desta experiencia. “Vimos coas nosas amigas cales había, porque queriamos vir a Galicia e este chamounos moito a atención porque mesturaba a parte do festival co de recoller a memoria das mulleres de aquí”, comentou Lucía.

A experiencia de Ainhoa é semellante. “Miña tía fixo moitos voluntariados e recomendoume moito a experiencia. Díxome ‘agora que eres maior de idade e podes facelo, inténtao’ e a verdade é que me está gustando moito”, dixo. Mercedes, a primeira vez que participou nun, foi grazas a unha amiga. “Non é algo que se coñeza moito. De feito, ao entrar na carreira de Historia da Bioloxía todo o mundo preguntoume de onde é, como que ninguén o coñecía”, asegurou.

“Non é algo que se coñeza moito”

Mercedes, Madrid

No caso de Shu, “eu xa facía campamentos da Xunta. Entón, miña nai, cando fixen os 18, dixo ‘pois voute mandar para que fagas algo no verán’ e buscou voluntariados e gustoume”. Ricardo comentou que, ao rematar o seu primeiro voluntariado, buscou outro e chamoulle a atención a temática do festival, levándoo a participar nel.

“Sempre remato encantadísima. Cada vez que o remato cada verán estou agardando ao seguinte, porque sinto que é algo que te fai aproveitar moito o verán. Son 12 días moi intensos pero que fas todo tipo de actividades”, sinalou Mercedes.

“Eu pensei que ía ser traballar de sol a sol pero…”

Natalia, Estremadura

Repetirían? Si. “Se é así coma isto, está xenial. Eu pensei que ía ser traballar de sol a sol pero… pero xenial”, respostou Natalia. “A min encántame coñecer xente e nunca viñera ao norte e é incrible. A temperatura aquí polas noites é moi guai e os monitores tamén nos tratan moi ben”, xustificou Ainhoa.

“Nunca viñera ao norte e é incrible”

Ainhoa, Comunidade Valenciana

Sobre se repetirían en Couso, Lucía e Ricardo confirmaban que si. Shu matizou que “gustaríame probar outros tipos de voluntariado, pero gustoume moito este. Habería que pensalo”.

Unhas horas despois estiveron colaborando co festival As Nosas Músicas, atendendo postos e axudando na coordinación dalgún evento. Malia iso, tiveron moito tempo no que puideron desfrutar e ata animarse a bailar algunha muiñeira.

Imaxe de portada: foto de familia dos voluntarios no último día do As Nosas Músicas // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo