O río Umia atópase en horas críticas. A seca continuada está provocando que o seu caudal baixase considerablemente nos últimos meses, ata o punto de que o Concello de Cuntis anunciou este mércores que se restrinxía o consumo de auga.
Segundo informou o alcalde da localidade, Manuel Campos Velay, constatouse un descenso de 30 centímetros en dez días no azud dende o que se abastecen os concellos de Cuntis e Moraña. Iso obrigounos a tomar medidas para poder garantir o abastecemento para ambas localidades e, á vez, o caudal ecolóxico do Umia.
Concretamente prohíbese empregar a auga da traída municipal para o enchido de piscinas particulares, a rega de xardíns, o lavado de vehículos, a limpeza de fachadas e tellados e outros usos similares que non resulten imprescindibles. Limítase o baldeo de rúas aos casos imprescindibles por salubridade, a rega de xardíns e zonas verdes, o funcionamento de fontes ornamentais e outros usos municipais non imprescindibles.

Instan ás empresas e industrias a minimizar o consumo de auga da traída municipal e facer un uso responsable desta, pois o prioritario é o abastecemento da poboación. No caso de incumprir calquera das medidas, o infractor poderíase enfrontar a sancións.
Ademais, informou Campos Velay, xa se están a empregar camións cisterna para abastecer dous lugares do rural. Esta medida débese á falta de auga nas captacións.
Afluentes secos ou case secos
Hai uns días a conta de Ribela (A Estrada) en redes sociais alertaba da situación “crítica” dos ríos na parroquia. En concreto, o Umia ía (e vai) cun caudal baixo e algúns dos regatos que son afluentes del están secos ou case secos. Segundo sinalaban, o regueiro de Valiña Caudal, no lugar de Guitón, secou e, de non mellorar a situación, o regueiro de Marco Afrende podería seguir o mesmo camiño.
Situación na Estrada
Hai unha semana o Concello da Estrada ofrecía datos sobre a situación no seu municipio. No Umia a lámina de auga atopábase 25 centímetos sobre o tubo de captación. O depósito ten unha capacidade de 4.500 metros cúbicos e unha entrada de auga de ata 180m3/h (máis de 4300 metros cúbicos diarios).
A iso súmanselle outras fontes de auga coas que conta o concello. A presa de Pedroso atopábase ao 92,73%, tendo almacenados 14.756,85 metros cúbicos de auga. Dende mananciais eran capaces de captar 60 metros cúbicos diarios e o depósito de Penerada tiña outros 2.500 metros cúbicos. O consumo diario atopábase nuns 3.500 metros cúbicos.

Imaxe de portada: punto de captación de auga en Cuntis // Concello de Cuntis


Deixa unha resposta