Se se acostuma dicir que o Miño leva a fama e o Sil, a auga, na Estrada acontece un caso semellante. O Ulla é o máis sonado, pero o Umia é o rio do que bebe a traída municipal que leva auga ata as casas da vila. Sen embargo, nin Ulla nin Umia foron os ‘culpables’ de que A Estrada estea en alerta por seca.
A orixe desta declaración atópase no río Lérez, que vén sufrindo unha situación crítica que chegou a facer que o Concello de Pontevedra plantexase empregar unha reserva de emerxencia. E, no que atinxe á Estrada, non se debe ao curso principal, senón aos seus afluentes.
Segundo os mapas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, na zona de Sabucedo, Codeseda e Souto nacen varios regatos que nutren de auga ao Lérez. Son o barranco de Vesacartalla, que nace nas proximidades da Portela (Codeseda) e pasa por Sabucedo, o río de Quireza, que ten a súa orixe nos montes de Sabucedo, e un afluente do Regueiro das Redes que brota en Souto. A eles súmanse varios afluentes dos dous primeiros. O resto da rede fluvial do municipio vai parar ou ao Ulla ou ao Umia.
Malia que a alerta por seca débese a que A Estrada forma parte da conca do Lérez, non quere dicir que sexa menos preocupante. De feito, Cuntis tivo que aplicar medidas restrictivas para poder garantir a subministración de auga e o caudal ecolóxico do Umia.
Imaxe de portada: vista do Lérez en Pontevedra a mediados de xullo // R. R.


Deixa unha resposta