Un mes despois de que o Concello comezase a facer seguemento dos microcortes de luz que están a padecer case todos os días os veciños do noreste do concello anunciouse que se están explorando posibles solucións para minimizar os efectos que están a ter sobre o centro de saúde de Oca. Á vez, dende UFD, distribuidora de electricidade de Naturgy, trasladaron que conseguiron delimitar a zona na que se están orixinando.
Segundo a información facilitada por UFD, as incidencias localízanse na liña aérea de media tensión PAI 806. Esta conecta a subestación de Paizás con Rubín, cunha liña principal de aproximadamente 12 quilómetros, ademais das súas correspondentes derivacións. Afectan ás zonas de Curro-Cira, San Miguel de Castro, Oca, Loimil, Muimenta, Reigada, Tiguillois, Riamonde e Arnois.
Lévanse producindo, cando menos, dende mediados de xullo. A maioría seguen o mesmo patrón: son cortes de pequena duración, aínda que se teñen producido interrupcións de varias horas de duración. Segundo informa a distribuidora, os sistemas automáticos de protección da rede están permitindo restablecer o subministro de forma rápida.
A orixe podería estar en “elementos externos” que entran en contacto coa rede, tales como restos ou cascas de eucaliptos ou aves, segundo sinalan dende a compañía. Iso si, conseguiron delimitar un treito no que se estarían a producir, que é o comprendido entre o cruce coas vías do tren e Oca.
Piden unha solución para o centro de saúde de Oca
Dende o Concello da Estrada, o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Manuel Magariños, confirmou que levan tendo coñecemento destas incidencias dende mediados de xullo. Asegurou que, dende entón, están a facer un seguemento con UFD. “Desde o primeiro momento estamos en contacto con UFD para coñecer de primeira man os traballos que se están realizando e para tentar trasladar aos veciños a información dispoñible”, dixo. Mostrouse consciente de que “localizar unha incidencia destas características pode resultar complexo”.
Un dos grandes prexudicados polos microcortes está a ser o centro de saúde de Oca. Alí os cortes na subministración chegan a provocar o reinicio dos equipos informáticos, cos atrasos que conleva na atención aos pacientes. Neste senso, este mércores o concelleiro púxose en contacto co Sergas para consultar a posibilidade de dotar o centro de saúde dalgún sistema que permita garantir a continuidade na atención durante as interrupcións, tales como Sistemas de Alimentación Ininterrompida (SAI) ou un xerador. Dende o Sergas comprometéronse a estudar posibles medidas.


Deixa unha resposta