O candidato á Alcaldía do BNG, Marcos Borrageros, manifestouse contra o goberno local pola súa xestión da vaga de microcortes de luz que está a sufrir o nordés do concello. Esixiu que se tomen medidas á vez que lembrou que xa vai máis dun mes dende o inicio desta situación.
“Xa o dixemos en xullo e témolo que repetir agora con máis forza: non pode ser que haxa veciños e veciñas das parroquias do rural teñan que convivir mes tras mes con cortes de luz diarios mentres o goberno do PP mira para outro lado. A pasividade xa non ten desculpa posible”, asegurou o nacionalista. Amais, asegurou que as “administracións responsables”, en referencia a Concello, Xunta e a distribuidora eléctrica UFD, “non están á altura do problema”.
Esta incidencia afecta á zona de Curro-Cira, San Miguel de Castro, Oca, Loimil, Muimenta, Reigada, Tiguillois, Riamonde e Arnois. Borrageros criticou que “aínda se estea a ‘delimitar a zona’”, en referencia ao anuncio de que se conseguira delimitar a zona cero dos cortes — comprende o tendido de media tensión existente entre o cruce coas vías do tren e Oca –. Iso, di, “demostra unha falta de axilidade e de esixencia por parte do Concello totalmente inaceptable”. Amais, urxiu respostas e “non máis diagnósticos”.
Para Borrageros resulta “gravísimo” que se tivese que chegar a esta situación e tivese que pasar un mes para que exista preocupación para dotar o centro de saúde de Oca de medios para que poidan manter a actividade cando se vaia a luz. “É unha absoluta falta de previsión por parte da Xunta e do Sergas”, sinalou.
Ademais, preguntaron se o de Oca é un caso illado ou hai máis centros de saúde no concello sen capacidade de resposta ante un corte eléctrico. Por iso, piden que se faga público, “con carácter urxente”, un informe sobre a situación de todos os centros sanitarios da Estrada e a súa capacidade real de manter a atención nesa situación.


Deixa unha resposta