Publicidade

Manteñen a alerta por seca na Estrada e en Forcarei

As chuvias dos últimos días foron insuficientes para levantar este escenario

A Oficina Técnica da Seca, dependente da Xunta de Galicia, decidiu este mércores manter todo o sistema do Lérez en alerta por seca, ao considerarse insuficientes as chuvias dos últimos días. Deste xeito, manteñense as medidas tanto na Estrada coma en Forcarei.

Na reunión na que se tomou a decisión participaron diferentes cargos de Augas de Galicia, de Protección Civil, de MeteoGalicia e das Consellerías de Sanidade e do Medio Rural. Nela, tiveron en conta os datos meteorolóxicos e a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca, entre outros indicadores de seca. No caso da Estrada influíron os datos do río Lérez, pero non os do Umia e os do Ulla, con maior presenza no municipio.

Cos datos dispoñibles a 24 de agosto non se observa unha recuperación das reservas. As chuvias dos últimos días “aínda non tiveron reflexo nos indicadores empregados para a avaliación”, segundo sinalan dende a Xunta, polo que terán que volver se avaliados no seguinte informe. Cómpre sinalar que para saír do escenario de seca ten que existir “unha recuperación suficientemente consolidada dos indicadores” que non está garantida cun episodio puntual de chuvias.

A declaración da alerta por seca implicou que se prohibiran os usos prescindibles como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns. Asemade, no caso de ser preciso, podense facer cortes de auga puntuais.

Imaxe de portada: un afluente do río Umia, en Ribela // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo