O candidato á Alcaldía do BNG, Marcos Borrageros, criticou que se vaia alugar a Carballeira de Melania para crear unha zona verde á que se poida acceder en pleno casco urbano. Di que se trata dunha “hipocrisía” polo que aconteceu na alameda en 2019 e define esta actuación como un exemplo da “falta de rumbo” do goberno municipal.
Borrageros asegurou que “non estamos en contra de que a Carballeira de Melania se destine a zona verde e a aparcadoiro en superficie”. Lembra que o seu partido “leva anos” reclamando “máis espazos verdes e máis prazas de aparcadoiro en superficie para a Estrada”. “O que denunciamos é a hipocrisía e a falta de planificación dun goberno que un día arrasa coas árbores da Alameda e ao día seguinte busca alugar unha carballeira para facer aquilo que el mesmo destruíu”, dixo o nacionalista.
O candidato do BNG lembrou que a reforma da alameda fíxose baixo mandato do PP. Sinalou que dos 3,3 millóns de euros que se gastaron, 1,7 foron das arcas municipais e 1,5 de fondos EDUSI. “Sexamos claros: destruíron unha zona verde consolidada no centro da vila, cargando o custo sobre os veciños, e agora, sen ningún tipo de autocrítica, e agora alugan unha zona verde cos nosos impostos”, afirmou.
“Isto non é un goberno con proxecto para o concello, é un polo sen cabeza, que actúa sen plan nin criterio, guiado unicamente pola ocorrencia do momento”, sentenciou Borrageros. Engadiu que “non só é un pulmón verde alugado, senón que é unha solución improvisada e temporal, xa que a carballeira de Melania ten o PXOM a cualificación de solo edificable”.
Alugaranse 14 solares
O pasado sábado o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, anunciou que en setembro verá a luz o proxecto da Carballeira de Melania. Será unha superficie de 6.000 metros cadrados repartida en 14 solares. Para poder alugalos todos foi necesario contactar cunha trintena de propietarios. As contas municipais reservaron este ano unha partida de 200.000 euros.
Respectarase a zona verde existente, somenténdoa a unha humanización. Crearanse zonas de paseo con bancos. Derruirase o muro da Rúa San Antón e reservarase unha zona de estacionamento a carón dos chalés da Rúa Gradín. A apertura deste espazo servirá para conectar as dúas rúas.

Deixa unha resposta