O voceiro do PSOE, Luis López Bueno, reclamou a reposición da liña descontinua que permite incorporarse dende Baloira á PO-841 dirección Santiago. Este cambio teríase feito co repintado da estrada e, segundo di, estaría a provocar afeccións aos veciños.
López Bueno asegurou que o seu partido recibiu queixas de “numerosos” veciños, especialmente de Baloira e San Xiao de Vea, que consideran que se lles dificulta innecesariamente os seus desprazamentos. Isto obrígaos a empregar alternativas menos seguras.
“Os veciños teñen razón, ese punto da PO-841 era precisamente o único da zona no que a incorporación en dirección Santiago se podía realizar con garantías, grazas á ampla visibilidade existente, de case 500 metros, que permitía comprobar a chegada de vehículos antes de atravesar os carrís”, asegurou o socialista.
Dende o PSOE local sinalan que as alternativas que teñen que empregar son menos seguras. A opción de subir á rotonda de Toedo para cambiar de sentido implica que teñan que comezar a acelerar de cero, pois atópanse cun STOP, nun punto no que os vehículos circulan a gran velocidade — o máximo permitido é 90km/h –. López Bueno di que iso xera “unha situación de risco especialmente innecesaria”.
Outras opcións, tamén con menor visibilidade que a recta de Baloira, segundo o socialista, son o cruce do Rollo ou dos do Souto de Vea e Couso. “Non ten sentido eliminar unha solución que funcionaba nun punto cunha visibilidade próxima aos 500 metros para obrigar aos veciños a realizar manobras ou percorridos alternativos que presentan peores condicións de seguridade mentres se manteñen barbaridades como a posibilidade de cruzar os carrís cara a carretera do Chedón”, asegurou López Bueno.
Imaxe de portada: cruce da PO-841 en Baloira, no mes de febreiro de 2026 // Google Street View


Deixa unha resposta