Publicidade

Comezan as obras de mellora da Carballeira da Sagrada, en Codeseda

Os traballos na contorna da Carballeira da Sagrada, en Codeseda, xa comezaron. A primeira fase, a que está en marcha, consiste no acondicionamento dun camiño. A segunda será a posta a punto deste espazo.

“Agora estase facendo unha parte de obra dura no que corresponde ao acceso ás vivendas situadas fronte á carballeira”, explicou o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao. A empresa COVSA está a construír unha vía que facilitará o acceso a ditas vivendas e permitirá ordenar o tránsito rodado na zona.

A nova pista constrúese sobre a de zahorra xa existente. Será de formigón lavado en tons ocres e terá tres metros de ancho. Permitirá que os vehículos non pasen pola carballeira e, polo tanto, non prexudiquen a zona verde.

A segunda fase implicará o Obradoiro de Emprego A Estrada Foresta. Farán podas e plantarán árbores que foron secando co tempo e mellorarán a zona verde máis danada — que coincide coa zona pola que pasan os vehículos.

“A combinación destas dúas intervencións farán que teñamos unha Carballeira da Sagrada máis coidada e ordenada, tamén cun mellor acceso ás vivendas para os veciños”, sinalou o alcalde.

Traballos na Rúa da Cultura

O Obradoiro A Estrada Emprega Foresta estivo traballando nos últimos días nos centros educativos do concello. Agora, os alumnos-traballadores concentrarán as súas actuacións noutros puntos do casco urbano. Nas últimas xornadas estiveron nas zonas axardinadas da Rúa da Cultura.

Imaxe de portada: visita ás obras da Carballeira da Sagrada // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta