Namentres o termómetro supera os 30 graos, na Estrada xa se fala de Nadal. Dende a vindeira semana o Concello comezará os contactos e os preparativos para a campaña 2026-2027. “Temos que adiantarnos se queremos ter un Nadal potente”, asegurou o concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán,
“Se queremos un Nadal potente, como o destes últimos anos, con unha decoración á altura da cantidade de xente que nos visita por estas datas; cunha boa iluminación e cun programa de actividades que contribúa, non só a goce destas xornadas tan especiais, senón tamén á dinamización económica e comercial, temos que comezar a traballar dende xa”, explicou Durán
Dende a vindeira semana manterá reunións con empresas de iluminación festiva e profesionais do ámbito da decoración, ademais de coordinarse co departamento de Cultura e os representantes do comercio local. Todo para aproveitar “tirón turístico e económico” do que, sinalan dende o Concello, o municipio estradense “non é alleo” e, segundo di Durán, conseguir “que os estradenses teñan a mellor oferta festiva e cultural e un sólido atractivo para que se faga no municipio o consumo propio destas datas”.
Nos encontros afinarán aspectos clave como as actividades que se farán e cando se acenderá o alumeado. Tamén se potenciarán as cabalgatas de Reis e Papá Noel, esta última seguindo a tendencia de maior protagonismo que foi acadando nos últimos anos.
Imaxe de portada: parte do alumeado do Nadal 2025-2026 // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta