Publicidade

A Estrada alegará contra a liña de alta tensión entre A Estrada e Paizás

high voltage power lines against a clear blue sky

O Concello da Estrada informou este xoves de que vai estudar como alegar contra a liña de alta tensión A Estrada – Paizás (Silleda). O rexedor estradense, Gonzalo Louzao, confirmou que xa contrataron á empresa Tysgal para estudar posibles vías de alegacións. Ademais, farán charlas cos veciños das 12 parroquias afectadas nas que se explicará como poden alegar.

Tendo en conta a necesidade das infraestruturas eléctricas para garantir unha correcta subministración, Louzao defendeu que o Concello busca velar para “que se fagan as cousas da mellor maneira posible e cumprindo coas garantías no que ten que ver co impacto ambiental e o respecto á propiedade e á vida dos veciños”. Para iso contan con Tysgal, empresa á que adoitan recorrer no caso das alegacións a proxectos eólicos.

Lembrou que o prazo para presentar alegacións remata o 10 de outubro. Este prazo é “suficiente” para que a empresa lles faga chegar posibles afeccións ao territorio estradense. No informe que recibirán engadiranse as posibles vías de alegación. Louzao engadiu que a empresa proporcionará de balde orientación e modelos de alegación ás asociacións e veciños que así o desexen.

Reunións cos veciños

Unha vez estean listas as alegacións, convocaranse reunións cos veciños das doce parroquias afectadas. Serán a vindeira semana ou a seguinte. Nelas estarán os técnicos de Tysgal.

O proxecto xa existía, pero acaba de retomarse agora. Segundo se sinala na documentación, a empresa busca mellorar a calidade do servizo na comarca ante posibles eventualidades. Para iso, van conectar as subestacións da Estrada e Paizás (Silleda). O trazado terá tramos aéreos e subterráneos.

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo