A concelleira do PSOE na Estrada, Amalia Lago, criticou o atraso na publicación das axudas municipais para a adquisición de material escolar. Reclama que se acelere a súa tramitación para que as familias non teñan que “adiantar” os cartos.
“Son axudas pensadas para aliviar o esforzo económico que supón para as familias afrontar o inicio do curso escolar”, explicou a socialista. Sinalou que as familias necesítanas “agora”, que é cando teñen que adquirir a meirande parte do material escolar. “A axuda ten que chegar cando hai que facer o gasto, non meses despois. As familias necesitan saber con que recursos contan para poder organizar as compras de principio de curso e afrontar unha época que supón un importante desembolso económico”, apuntou.
Lembrou que o ano pasado publicáronse a finais de agosto cando “xa tería que facerse incluso antes”. Considera “preocupante” que aínda non se publicasen as deste ano e, consecuentemente, se vaian resolver máis tarde. Comentou que as familias non teñen información sobre cando poderán solicitalas e percibir os cartos. Por iso, pediu que se lle dea prioridade a estas axudas.
Por outra banda, resaltou que “neste mandato non se incrementaron as axudas nin un só euro dos 100 como máximo por alumno”. Acusou ao goberno local de ter “pouca sensibilidade” ao non destinar “unha pequena parte” do que incrementou a recaudación “dende que subiron o IBI” ás axudas.


Deixa unha resposta