Publicidade

Homenaxe a José Tato nos 25 anos do Folk de Raíz

Hai aniversarios que se marcan en vermello no calendario. O do Folk de Raíz este ano foi un deles. Se non temos en conta os dous anos que non se celebrou por mor da pandemia, este venres celebrou os seus 25 anos.

Foi unha edición especial e atípica. Non estivo o grupo da casa, Regatos. Tampouco se celebrou nas súas datas habituais. Pero sobre o escenario percibiuse a emoción desta conmemoración.

Pasaban 35 minutos das 23.00 horas cando a asociación Regatos ocupou o escenario. O gran promotor do festival, José Tato, recoñeceu que, cando celebraron a primeira edición, “non contabamos con chegar aquí”. Animou á xente “nova e non tan nova” e á “de Callobre e á que non é de Callobre” a sumarse á asociación.

“E nada máis, non sei se Dani quere dicir algo porque seguramente ten algo na cabeza e a min non me acorda”, dicía Tato. Esa frase serviu para rematar dando paso a un dos grandes momentos da noite, senón o que máis. “A min quedoume aquí un punto apuntado en vermello”, comentaba Dani, “que era agradecerlle a Tato as 25 edicións que leva facendo o Folk”.

Tato quitáballe ferro a iso dicindo que el só fora o culpable de comezar e que non tería chegado ata os nosos días de non ser pola xente da asociación e polos amigos e as empresas que apoian o festival. “Unha comisión de festas está cada cinco anos ou cada sete anos, algún fai unha festa e non fai nunca máis outra, pero nós somos 25 anos e somos os mesmos petando nas mesmas portas. E claro, dirán, ‘xa está ben, sodes sempre os mesmos’, pero non, non tivemos ese problema”, aseguraba.

Os integrantes da asociación recorreron á deseñadora do cartel, Rosa de Cabanas, para que fixese un retrato de José Tato. “isto é unha trampa”, dicía o agasallado mentres a ilustradora subía ao escenario.

De Cabanas desexaba que o Folk de Raíz dure “outros 25 anos máis” antes de facer entrega do obsequio. Despois, comezaba unha ovación que se prolongou durante preto dun minuto.

Tras isto subíanse ao escenario os integrantes de De Ninghures. Se unha das súas cancións di “vén bailar”, eles foron quen de facer a xente botar unhas pezas. Chegaron a dicir que foi das poucas veces que tiveron “unha fila tan longa no torreiro” bailando.

Entre o público púidose ver a un dos artistas presentes na pasada edición: Mondra. O de Teo regresou a Callobre e volveu subirse ao escenario, neste caso para cantar, xunto con De Ninghures, o tema Que se nos faga de día.

A música de Cé Orquestra Pantasma, Leirabuxo e Meninos do Pandeiro completaron unha noite cargada de emoción.

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo