Publicidade

Rosa de Cabanas enche o local social de Ouzande coa presentación de ’12 mulleres sen rostro’

Este venres foi un día especial en Ouzande. A ilustradora Rosa de Cabanas presentou o seu libro 12 mulleres sen rostro, publicado da man da editorial Galaxia. Fíxoo da man da Fervenza de Ouzande, asociación que forma parte da súa vida e coa que tanto colaborou. No coloquio sobre o libro acompañárona Paula Carballeira, escritora, contadora de contos e madriña da Fervenza de Ouzande, e Xesús Domínguez, estradense que representou a Galaxia.

O acto conseguiu encher a parte baixa do local social. Case 70 persoas estaban alí, escoitando, con caras que demostraban a felicidade que sentían por Rosa de Cabanas. Coma se fose unha gran familia, esa que presume ser A Fervenza de Ouzande.

De Cabanas recoñeceu que os seus proxectos persoais de ilustración remóntanse ao 2021, candos e “obrigou” a pintar a man, a “experimentar coa acuarela”, para publicar cada semana un debuxo nas súas redes sociais. Naceu así a serie Mulleres Valentes. Tras ela chegaron outras de periocidade mensual, como Mulleres Imaxinadas e Compañeiras.

Xesús Domínguez lembrou como xa colaboraran con Rosa de Cabanas durante o Ano Cultural Avelina Valladares e remataron propoñéndolle facer un libro coas mulleres imaxinadas. Finalmente, dou lugar a unha obra con doce mulleres, na que primeiro fálase de quen foron e, despois, amósase como a imaxinou a ilustradora e en que se inspirou.

Ao longo da conversa De Cabanas falou de como se inspirou noutras mulleres para poder poñer un rostro ás 12 mulleres recollidas no libro. Recoñeceu que unha que tiña claro que quería debuxar era Pepa A Loba. Que outra que tamén quería que estivese era Avelina Valladares, pero “Avelina non quería saír”.

E así, durante case unha hora os presentes puidéronse achegar ás 12 mulleres sen rostro. Como colofón, Paula Carballeira contou unha lenda sobre unha desas mulleres, a Raíña Lupa, de como se encariñou cunha cría de dragón e como iso orixinou unha lenda sobre a choiva en Santiago.

Unha vez rematou o coloquio o cariño volveuse demostrar. Un gran número de presentes mercou o libro, ata esgotar os exemplares que se levaran ata o campo da festa. Formouse unha numerosa ringleira para que Rosa de Cabanas lles asinase o libro e o grupo Retrouso tocou unha peza que levaban moitos anos sen tocar.

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo