Publicidade

O traballo de UCIN para presentarse na Estrada: na procura dunha cabeza de lista “adecuada” e unha data límite

O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, avanzou detalles de como será o seu proxecto na Estrada se sae adiante · Confirmou que conta cunha persoa con experiencia política nas súas filas

Xornal da Estrada continúa coa súa rolda de entrevistas cos diferentes partidos que se poden presentar ás municipais de maio de 2027. Nesta última entrega entrevistamos a José Luis Calo, coordinador de Unión de Cidadáns Independentes (UCIN) en Galicia, sobre a posibilidade de que se presenten.

José Luis Calo comentou que UCIN é un partido “cunha traxectoria longa pero que en Galicia non se instaurara”. Levan catro anos e medio traballando a nivel galego e, segundo dixo, o municipalismo que defenden “estálle chegando moi ben á xente”. “É un partido municipalista. Que quere dicir iso? Que nós traballamos con coordinacións locais independentes que teñen unha liberdade de actuación totalmente libre. Eles traballan as problemáticas do seu municipio, dos seus cidadáns e apártanse desa ideoloxía de esquerdas e dereitas”, explicou. Engadiu que non están dispostos a pactar “cos extremismos”.

Sobre a súa chegada á Estrada, comentou que algúns veciños do concello “enviábannos correos electrónicos por certas problemáticas que pasaban na localidade”, o que levou a falar presencialmente con eles. Asegurou que estes “animábanse a buscar outra forma de facer política”.

En relación ao que poden aportar que non fagan xa os partidos con representación, comentou que “podemos aportar ese municipalismo e esa resolución de problemas que ata o día de hoxe non se resolven”.

Calo avanzou que na Estrada “temos tres contactos pero queremos buscar unha persoa adecuada que non estea vencellada a día de hoxe a eses partidos” para encabezar a candidatura. “Hai unha persoa que ten experiencia na política”, revelou declinando dar máis detalles, aínda que “falta pouquiño”.

“Eu puxen un tempo determinado. Se nese tempo determinado non vemos que hai unha coordinación forte e unha candidatura forte pois é preferible non presentala, seguir traballando na Estrada e presentarnos nas seguintes”, explicou en relación á posibilidade de que rematen participando nos comicios. A data límite fixouna para o mes de decembro.

Sobre os proxectos que poden ir na candidatura, José Luis Calo avanzou que se centrarán “no día a día do cidadán”. “Eu paseo ás veces pola Estrada e sorpréndeme que parece terceiromundista todo. A Lei de Accesibilidade europea non se cumple na maioría da Estrada”, asegurou. “Non nos podemos esquecer da conectividade das parroquias co núcleo. O mesmo núcleo, hai zonas polas que paseas e dis: ‘é terceiromundista’. Hai beirarrúas mal deseñadas, abandono, edificios abandonados…”, engadiu.

Imaxe de portada: José Luis Calo // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo