Publicidade

UCIN traballa para presentarse ás municipais na Estrada

O coordinador galego de Unión de Cidadáns Indepentes (UCIN), José Luis Calo, confirmou este martes que están traballando nunha candidatura para as municipais de 2027 na Estrada. Ao longo das últimas semanas mantiveron encontros con veciños do concello e agardan seguir manténdoas nas vindeiras.

Segundo informou o partido nunha nota de prensa, os encontros van encamiñados a crear unha estrutura local sólida que podería dar lugar a unha candidatura coa que presentarse en maio de 2027. Calo defendeu o modelo do seu partido, baseado no municipalismo como unha ferramenta para dar solución aos problemas das persoas.

“A nosa prioridade é estar ao lado dos cidadáns, escoitalos e defender os seus intereses por riba de calquera sigla. A Estrada merece máis oportunidades, máis servizos e unha administración que traballe pensando nas persoas”, sinalou Calo.

Demandas dos veciños

Dende UCIN Galicia aseguran que os veciños trasladáronlles a súa “preocupación” pola pola falta de tecido produtivo capaz de xerar emprego estable e oportunidades para a mocidade, a escaseza de vivendas en alugueiro accesibles e a perda progresiva de determinados servizos fundamentais.

“A Estrada é un concello con enormes posibilidades, pero tamén con importantes desafíos que requiren unha resposta decidida das administracións”, dixo Calo. “O que nos trasladan os veciños é a necesidade de contar cun proxecto que aposte polo desenvolvemento económico, pola creación de oportunidades e pola fixación de poboación. Non podemos permitir que a falta de emprego, de vivenda ou de servizos siga condicionando o futuro da Estrada”, afirmou.

Imaxe de portada: José Luis Calo na Estrada // UCIN Galicia

Comentarios

2 respostas a «UCIN traballa para presentarse ás municipais na Estrada»

  1. […] Xornal da Estrada continúa coa súa rolda de entrevistas cos diferentes partidos que se poden presentar ás municipais de maio de 2027. Nesta última entrega entrevistamos a José Luis Calo, coordinador de Unión de Cidadáns Independentes (UCIN) en Galicia, sobre a posibilidade de que se presenten. […]

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo