Publicidade

40 asociacións reciben axudas para eventos e actividades culturais nas parroquias

O Departamento de Cultura do Concello da Estrada resolveu conceder subvencións para a promoción e impulso de eventos e actividades culturais nas parroquias a 40 das 41 entidades que as solicitaron. O importe total das axudas ascende a 110.977 euros.

As axudas concedidas oscilan entre os 328 e os 4.750 euros, sendo a media de case 3.000 euros. Adáptanse as características e necesidades dos diferentes eventos e actividades.

Das 41 solicitudes que se presentaron, só se excluíu unha. O motivo foi que non estaba dada de alta no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia no momento en que presentou a solicitude. Este era un requisito establecido expresamente nas bases da convocatoria.

As axudas teñen un carácter prepagable do 75%, polo que o Concello xa aboou 83.232,75 euros. O 25% restante está pendente da presentación e comprobación das correspondentes xustificacións, nos termos e prazos establecidos nas bases.

A convocatoria establece un importe máximo de 5.000 euros por entidade, fronte aos 3.000 euros da convocatoria de 2025. Cada solicitude tramitada podía incluír un ou varios eventos ou actividades culturais desenvolvidos na parroquia correspondente. As axudas están destinadas a sufragar gastos vinculados á realización dos eventos, como os cachés de grupos ou artistas, seguros, publicidade, alugueiro de megafonía, iluminación e infraestruturas, palcos ou tarimas e outros gastos de organización.

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo