A Estrada abre este venres o prazo para solicitar as axudas á escolarización. Dos 35.000 euros que se destinarán a elas, 5.000 correspondense coa adquisición de libros de texto e material escolar e 30.000 co servizo de comedor. As bases publicáronse este xoves, dous meses máis tarde do que viña sendo habitual nos últimos anos.
As axudas á adquisición de libros e material serán exclusivamente para os estudantes do segundo ciclo de Infantil (de 3 a 6 anos). No concepto de material escolar inclúese todo o material preciso para o desenvolvemento do curso académico en función das obrigas de cada centro educativo e as súas técnicas de aprendizaxe. Para este fin, a contía máxima será de 100 euros por alumno ou alumna, en función do gasto realizado e xustificado.
As axudas ao comedor serán para o alumnado de Infantil, Primaria e ESO. Cubrirán parte do custo do servizo de comedor escolar dende setembro ata xuño. En función da puntuación obtida, o Concello aportará o 25%, 50% ou 75% do custo, nunca sendo a cuantía máxima que se aportará de 1.000 euros por unidade familiar.
As bases, publicadas este xoves no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), recollen que se fará unha lista de agarda coas solicitudes que cumpran os requisitos e non sexan atendidas por falta de recursos económicos. Serán ordeadas de maior a menor puntuación obtida e, no caso de que sobren cartos unha vez atendidas as solicitudes que si entraron, iranse resolvendo seguindo a orde establecida anteriormente ata esgotar o crédito restante.
A estas axudas só poden acceder familias empadroadas no concello da Estrada que teñan fillos cursando Infantil, Primaria ou ESO en centros públicos ou sostidos con fondos do Concello no presente curso. A solicitude pode presentarse no Rexistro de Entrada do Concello da Estrada, a través da sede electrónica municipal, ou polos restantes medios previstos na normativa de procedemento administrativo común. O prazo para presentalas remata o 6 de novembro.
O pago das axudas realizarase en dous prazos. No primeiro farase o pago dos libros e material escolar, xunto co comedor de setembro, outubro, novembro, decembro e xaneiro. O segundo prazo cubrirá gastos de comedor escolar de febreiro, marzo, abril, maio e xuño.
As axudas máis tardías nos últimos anos
Estas son as axudas á escolarización que máis tarde publican as súas bases nos últimos anos. Na última década os meses máis habituais para a súa publicación foron xullo e agosto, só habendo dúas excepcións (2017 e 2020, nos que se publicaron en setembro). Dende 2023 adoitaban publicarse na primeira quincena de agosto.
Data de publicación das bases por ano:
- 2015: 17 de agosto
- 2016: 22 de agosto
- 2017: 8 de setembro
- 2018: 31 de xullo
- 2019: 23 de agosto
- 2020: 3o de setembro
- 2021: 21 de xullo
- 2022: 11 de xullo
- 2023: 8 de agosto
- 2024: 5 de agosto
- 2025: 5 de agosto
- 2026: 8 de outubro


Deixa unha resposta