Publicidade

Beiras

Sindo Villamayor

A primeira vez que oín falar a Beiras flipei. Na miña vida vira nin voltei a ver cousa coma ela. Unha mestura do Actors Studio, de afectación e teatralidade, de alucinado e profeta atopábase naquela tribuna do Teatro Principal, nas lección sao Parlamento galego de 1989 que porían a Fraga como Presidente. Bueno pois o tipo, cunha sala en penumbra, abarrotada e expectante, achegouso ao micrófono e empezou a ampear como unha besta enxaulada. Un silenzo sepulcral invadía aquel recinto que esperaba ansioso que o fulano arrancara dunha puta vez e os ortodoxos mentando a hora que puxeran a aquel chalado de candidato. Dali a un minuto largou “Imolos esmagar”, arrancou por fin o Beiras, en referencia aos do PP con Fraga ao frente. Cun par de bemoles, o profesor (creo que daquela único deputado do Bloque) espetáballe aos fachas do PP que os ía devorar. Fallou, claro. Pero foi acertando paseniñamente. Pouco a pouco, de un a tres deputados, de tres a cinco, a once, ata poñer ao Psoe por detrás e convertirse no líder político nacionalista máis respaldado pola sociedade galega en toda a Historia.

Atopábaste ao catedrático, letrado, decano e deputado Beiras polo Franco con aspecto de dandy, con traxe, fulard e chapeu, ou ben montado nunha Mobilette branca e co paraugas atravesado no portabultos. Espertaba a admiración das tipas e dos tipos universitarios, o recoñecemento intelectual e político da xente culta e normal, pero o desprezo e odio máis animal por parte da dereita franquista, das súas almas máis calamitosas, agás xente tamén brillante e sensata coma Barreiro Rivas, Portomeñe ou o derradeiro Fraga. O resto da tropa era tan miserable que mentres el falaba en tribuna parlamentaria, teño eu ouvido a algún do PP chamarlle cocainómano e chalado. Era unha dereita tan torpe que se ría deles nos fuciños e non se enteraban. Uns tristes coma o Rueda este, que ameaza aos galegos se Beiras é vicepresidente da Xunta cos comunistas, cando é él e as súas brillantes ideas son as que nos meteron nesta ruina que empeora sincrónicamente que este simple abre a boca. Número 1 de promoción (con Mourullo, creo), conferenciante que non deixa unha butaca libre, vin ao Beiras nun programa que tiña o mencionado Barreiro na TVG (O veciño de non sei que) no que invitouno a tocar o piano despois de destrozar el a non sei que autor, facendo unha interpretación cando menos inspirada e armoniosa de Bartok. Por mor de convalidar uns estudos de Matemáticas dunha coñecida, sendo Beiras decano de Económicas, tiven algún trato esporádico con el por mediación de Paco Rodríguez; a primeira vez que me recibeu no despacho do decanato viña de branco hippy, empapado ata os xeonllos e ao verme co expediente en cuestión debaixo do brazo chamou ao secretario, ofreceume un puro e xuroume que faría o que fixera falta (e así foi) aproveitando o enfrentamento que daquela tiña con Pajares, o Rector, que non permitía a convalidación perseguida. Hoxe escoitalo falar como se tivera 30 anos, cun discurso anovado , igualiño ca José Luis Sampedro, “perroflaútico” e revolucionario, un discurso dos que xa non quedan, un deleite orgásmico para os que somos da esquerda utópica derrotada pero con esperanza de que estes de agora non acaben con todo, que deixen algo que xa se irá recontruindo. Pero a aureola e o mito que sempre envolveu a este home sen valoración xusta, non poden evitar a desilusión que tamén foi deixando polo camiño, nun País de mediocres onde sempre será un perdedor de vigorosa vitalidade; as contradicións dun tipo irrepetible e que chora cada vez con máis frecuencia.

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo