Publicidade

A esquerda únese para reclamar a retirada de simboloxía franquista das rúas da Estrada

PSOE, BNG e Móvete rexistraron unha moción conxunta para reclamar que se cumpra a Lei de Memoria Democrática na Estrada e para dignificar as vítimas do franquismo. Nas medidas inclúese a retirada de simboloxía franquista que permanecen nas rúas da Estrada. Esta iniciativa presentouse no día e lugar no que 90 anos antes asasinouse aos 6 da Ponte do Regueiro.

Na moción pídese retirar do rueiro o nome de José Calvo Sotelo, figura que a ditadura converteu en “protomártir da Cruzada” e utilizou como elemento central da súa propaganda e da lexitimación da represión. Os tres partidos sosteñen que o seu nome encaixa na definición de elementos contrarios á memoria democrática que recolle o artigo 35.1 da Lei 20/2022.

Outra rúa que piden que mude de nome é a IRYDA (Instituto Nacional de Reforma y Desarrollo Agrario), organismo creado por Franco. Os grupos parlamentarios consideran que “xustificar esta homenaxe polas concentracións parcelarias ou as infraestruturas executadas responde a unha visión paternalista e clientelar,” e que “unha democracia non pode homenaxear a burocracia dunha ditadura”.

A moción propón que unhas das vías máis importantes da vila, preferiblemente a que recibe o nome de José Calvo Sotelo, pase a ser a Rúa dos Mártires da Estrada. Deste xeito, materializaríase a última vontade dos membros da corporación fusilados o 5 de xuño de 1937. Din estar respaldados polos artigos 30 e 48.2 da Lei 20/2022, que recoñecen o dereito das vítimas á reparación integral e obrigan a realizar actos de homenaxe e recoñecemento público.

Precisamente o 5 de xuño é o día que propoñen que pase a ser o Día da Memoria da Estrada, no que se homenaxearía, especialmente, ao alcalde Jesús Puente Fontanes, un dos executados ese día, amais dos demais concelleiros e veciños fusilados canda el. Ademais, piden a identificacion e sinalización adecuada da Ponte do Regueiro, xa recoñecida polo Pleno como lugar da memoria. Alí foron asasinadas seis persoas.

A moción tamén inclúe instar á parroquia e á diocese a retirada do bando franquista que segue na fachada da igrexa da Estrada. De non producirse de xeito voluntario, tería que incoarse o procedemento administrativo previsto no artigo 37, que contempla a execución subsidiaria e as multas coercitivas.

Imaxe de portada: integrantes do BNG, PSOE e Móvete, xuntos na Ponte do Regueiro // Cedida

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo