Publicidade

O Concello cede o antigo Xulgado Nº2 para crear dúas aulas de Aspanaes

O Concello da Estrada cederá a segunda planta do MOME para a instalación de dúas aulas de educación de rapaces e rapazas con autismo. Porase en marcha no curso 2027/2028 e contará con dez alumnos.

Este xoves visitaron as aulas o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o presidente de Educación Especial que a Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista (Aspanaes), Ignacio Labella.

Gonzalo Louzao lembrou que o espazo que acollerá as aulas é onde antigamente estaba o Xulgado Nº 2. “Quedou libre e grazas a Aspanaes tivemos a posibilidade de que se creara un centro adscrito ao de Santiago”, sinalou. Comentou que todo comezou cunha chamada do conselleiro de Educación e que se pensou na Estrada “por estar no centro de Galicia e por ser unha vila ben comunicada”. “Tamén era unha petición deste goberno municipal para que teñamos unha sociedade máis inclusiva”, apuntou.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, describiu este acordo como “unha boa práctica de colaboración público-privada e público-pública”. “É unha experiencia piloto que é tremendamente innovadora” porque descentraliza a parte do sector educativo máis especializada, segundo dixo Rodríguez. Avanzou que Concello e Aspanaes acondicionarán as futuras aulas traendo o equipamento e a Xunta fará “os concertos necesarios para garantir o funcionamento de Recursos Humanos”. Engadiu que con esta colaboración amplíase a atención educativa a unha parte da sociedade.

Ignacio Labella asegurou que o proxecto nace coa vontade de “ofrecer máis e mellores oportunidades aos escolares con autismo e ás súas familias”. Afirmou que a apertura dun centro na Estrada “supó achegar recursos educativos a nenos con autismo”. “Cremos firmemente que a diversidade enriquece as nosas comunidades e que unha sociedade máis inclusiva é unha sociedade mellor para todos”, engadiu.

Imaxe de portada: // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta