As obras de asfaltado parcial da EP-7001, a estrada que une A Estrada con Forcarei, avanzan e entraron nunha nova fase. Tras terse aplicado slurry nos puntos que necesitaban unha reparación menor, agora estase reasfaltando os tramos máis danados. Este mércores o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e a deputada de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra, Belén Cachafeiro, visitaron as obras.
Os traballos concéntranse entre os quilómetros 0+300 (cruce coa estrada de Ouzande) e 12+200 (cruce de Sabucedo). A reposición do firme farase en 8,5 quilómetros, onde se actuará en ambos sentidos ou nun só, en función do seu estado. O proxecto non inclúe o último treito pertencente a Codeseda en dirección Forcarei nin a parroquia de Liripio, onde se pintou antes de comezar os asfaltados.
Os labores comezaron o pasado 9 de outubro, cando se aplicou slurry en tramos nos que era preciso selar gretas das aforas do casco urbano, Guimarei, Tabeirós e Codeseda. Nalgúns puntos xa se repintou a estrada. Esta semana entrouse nunha nova fase co aglomerado en quente nos tramos nos que o firme se atopa en peor estado.
Comeza o asfaltado parcial da estrada a Forcarei
Arrincou nas aforas do casco urbano
As actuacións tamén inclúen a instalación de tubaxes para denar a estrada e protexer a estrutura do novo firme. Do mesmo xeito, renovarase a sinalización. A Deputación de Pontevedra destinou pouco máis dun millón de euros a esta actuación.
O alcalde da Estrada agradeceu o traballo de mantemento. Sinalou que a EP-7001 é unha estrada de especial importancia para A Estrada, pois “conecta toda a zona sur e comunícanos con Forcarei”. Lembrou que está prevista unha importante actuación na Rúa Pérez Viondi, que será humanizada.
Belén Cachafeiro agardou que “con esta actuación a estrada estea en condicións de seguridade para pasar as vindeiras tempadas de inverno”.
Imaxe de portada: visita de Belén Cachafeiro e Gonzalo Louzao ao asfaltado da EP-7001 // Concello da Estrada



Deixa unha resposta