Cando o reloxo marcou as 13.00 horas deste venres 105 bombas estouraron no ceo de Arnois. O motivo, Manuel Collazo Pazos, quen fixo 105 anos. É o varón de maior idade do municipio. O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, quixo trasladarlle os parabéns no nome de todos os veciños e veciñas da Estrada.
Manuel Collazo viviu toda a vida en Arnois, onde era coñecido como Manuel da Casa Nova. Casou con María de la Torre Gambino e tiveron dous fillos, seis netos e oito bisnetos. Entre o ‘avó’ estradense e o integrante máis pequeno da familia, Lorenzo, hai unha diferencia de 104 anos.
A súa vida profesional transcorreu nunha polbeira e na terra. O seu carácter activo e enérxico mantívoo conducindo ata os 90 anos e con moita vitalidade ata cumprir os 100. “Ata os 90 conducía e coidaba a súa muller todo o día”, explica o seu neto Víctor Collazo. “Atendela a ela dáballe forza”, lembra.
O paso dos anos fixo que perdera mobilidade, mais camiña pola casa coa axuda dun andador. Segue as noticias na televisión e non renuncia a comer cun vaso de viño nin ao pracer de quentar as mans sobre a cociña de ferro. Ao seu carón pasa o día, se ben no verán cambia a cociña polo fresco da terraza.
Segundo os datos estatísticos, 31 veciños da Estrada superan a centena de anos. 24 son mulleres, 7 son homes. A muller máis veterana tamén ten 105 anos, pero xa hai seis meses que os fixo.

Imaxe de portada: Manuel Collazo coa súa familia // Concello da Estrada


Deixa unha resposta