Publicidade

Naceu unha estrela

Nicolás Luna presentou o seu primeiro libro, ‘A viaxe da Educación Física escolar’

Ante un Recreo Cultural cheo no que parte do público quedou de pé, Nicolás Luna Puente presentou o seu primeiro libro, A viaxe da Educación Física escolar. Fíxoo ante un nutrido grupo de mestres e amigos. Quen máis e quen menos dos presentes era consciente do valor deste mozo de 26 anos, un dos mellores nunha promoción de ouro. Quen non o sabía, non tardou en coñecelo.

Dende o bo estudante que foi e é ata o seu vínculo con autores como Neira Vilas, os poñentes foron destacando e loubando a Nicolás Luna. Puxeron de relevo o papel que xogaron seus pais, Xosé Luna e Regina Puente. Unha das frases máis destacadas pronunciounas o secretario xeral de Lingua, Valentín García, quen asegurou que, no ano do 150 aniversario de Manuel García Barros, “brilla unha nova estrela” no mundo dos escritores, augurándolle un bo futuro.

O protagonista centrou o seu discurso en reivindicar a importancia da Educación Física, adaptada ás capacidades e tempos de aprendizaxe de cada un. Lembrou que á xente que le lémbranlle a importancia de facer deporte mais aos deportistas non lles recordan o importante que é ler. O seu libro é unha amalgama das dúas cousas.

A música xogou un papel fundamental da man de Manoele de Felisa e do coro do IES Manuel García Barros. Ao rematar o saúdo inicial, Manoele de Felisa interpretou o tema Carteiro em bicicleta, de João Afonso, máis coñecido como “o realejo”. Fíxoo a petición de Nicolás Luna, a quen se puido ver cantando a canción. Despois, interpretou un dos temas que está a preparar con motivo das Letras Galegas que se lle van adicar a Neira Vilas. O coro do García Barros foi o encargado de pechar o acto.

Imaxe de portada: presentación do libro de Nicolás Luna // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta