Publicidade

Carme da Silva asegura que a “única” preocupación de Transportes é “manter o asfalto en bo estado”

A candidata do BNG ao Congreso, Carme da Silva, mantivo na tarde deste xoves un encontro coa veciñanza sobre a N-640. Da Silva explicou como actúa o Ministerio de Transportes e lembrou que no acordo de investidura de 2023 incluíuse a variante, na que non se avanzou nos últimos tres anos.

O encontro abriuno o candidato á Alcaldía da Estrada, Marcos Borrageros, repetindo a crítica de falta de seguridade que formulara un día antes e lembrando que, dende 2019, producíronse 13 atropelos nos que, en total, houbo tres vítimas mortais.

Carme da Silva comezou falando da variante, da que “intentei buscar cando se comezou a falar dela e a Intelixencia Artificial dime décadas”. Sinalou que, nos casos de estradas nacionais que atravesan núcleos urbanos, en Madrid “non entenden” que suceda iso. Para o Ministerio de Transportes, dixo, a “única” preocupación é “manter o asfalto en bo estado”, polo que hai que conseguir que se produza un “cambio de mentalidade” para que as travesías urbanas teñan consideración de rúas e non de estradas.

Propuxo que se fagan lombos. “Asegúrovos que salvan vidas”, dixo antes de lembrar a súa experiencia coa xestión do tráfico na cidade de Pontevedra. Asegurou que, dende que se fixeron, non se produciron novos atropelos mortais na cidade. “Díxenllo ao ministro de Transportes: se se sabe que adoptando determinadas medidas se salvan vidas, se non se adoptan o que hai non son 13 atropelos, son 13 neglixencias”.

Comentou que o casco urbano non é un Tramo de Concentración de Accidentes “por como os miden. Un Tramo de Concentración de Accidentes para eles é un tramo no que hai moitos accidentes entre vehículos”, excluíndo os atropelos, sefundo dixo a candidata. “Cantos carteis de Tramo de Concentración de Accidentes vedes nos núcleos de poboación? Ningún. Pois son os tramos máis perigosos”, afirmou.

Preguntada por que podería pasar se o Concello solicitase a cesión do treito urbano, comentou que dependerá dos intereses que poida ter o Ministerio. Indicou que, se está en mal estado ou supón un problema para o ente estatal o máis probable é que o cedan, cousa que pasou cando ela formaba parte do goberno de Pontevedra ou, máis recentemente, en Ponteareas.

Imaxe de portada: Carme da Silva coa veciñanza // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta