Publicidade

A decoración acoitelada (ca. 2014)

Sindo Vilamaior

Das trincheras fumeando despois das batallas na Lennon, os máis versátiles de nós, tiñamos doada cabida noutro escenario completamente diferente.

Cada vez que baixabas as escaleiras e entrabas no pub Titurel, con aquel documento medieval encadrado á esquerda conforme entrabas, realizado por Juan Blanco, accedías a un mundo cosmopolita e refinado, para min exactamente personalizado no misterioso encanto de Lucía Valladares. Sen ser absolutamente erudito, a música pinchada polos irmáns Marque e Berto Pernas impregnaba aquilo dos ambientes importados directamente de Compostela, cos seus decorados de arlequin e gusto a ginger ale. O selo discográfico da Motown, Weather Report, os Doobie Brothers ou Carly Simon, era a banda sonora dos tipos e tipas que por alí nos axitabamos, un lugar cool, un pouco decadente e coa carencia absoluta da inocencia. Había xente turbia pero ás agachadas, como se se tratara de vicios de neve branca que non cheiraban a descomposición, como lles sucedía aos malditos heroinómanos. Iso na época primeira, nos anos de esplendor, ata que alí empezaron a sonar cousas como Supertramp. Estaba decorado con cadros de marco negro, asentos de tea colorada e de feitura máis ben incómoda.

Titurel facía referencia a un caudillo celta, nome moi na liña da nebulosa ideolóxica da época, onde todo o mundo presumía de ser moi galeguista. O mesmo cá ecuación Lennon/Andalucía, existía unha correspondencia dese pub esnob, particular e por veces de actitude sobervia, co café A Farola, que pasou de casino franquista a local da Asociación Cultural A Estrada con xestión directa dos comunistas da Estrada, nacionalistas ou non. Era un sito chic, á moda pero non completamente elegante, onde nos mesturabamos estudantes patriotas, felipistas con americanas con codeiras, eurocomunistas de Berlinguer, asépticos individuos, punkis con navallas e unha cantidade de taladrados e inútiles, que Deus nos libre de que apareceran por alí nosos país. Con Pepe da Farola como figura central da traxedia oculta, alí xermolara un movemento cultural moi importante onde coincidían os do Bloque (Xoán Docampo, Fuco Barreiro e Fina, Rendo e María Xose, Casais e Gema, Garrido, Marcelo Vidal), afectuosos cerebros coma Gonzalo Constenla, os “Mocos”, e a Liga Comunista Revolucionaria, cos históricos André Porto e Xabier Castelhanos ao mando. Os de Berres tamén, pero comían a parte. Non faltaban os máis cosmopolitas e fillos da clase media non sempre burguesa nin ilustrada, ou de prósperos e pequenos empresarios: Xoanma Porto, Ramiro dos Arcos, Nico, Manolito de Sequeros…

Sucedía sempre, sábado tras sábado, que aquel ambiente vibrante e entretido, abarrotado de sensacións, se ía transformando en formas duras, nun delicado ambiente cheo de aristas listas para cortar. Como se de destruir o pasado se tratara, ao tempo que o Titurel ardía, contemplabas como alguén quitaba unha enorme navalla e clavaba unha e outra vez nas paredes primorosamente decoradas polos mellores tallistas de madeira da capital do moble.

Comentarios

Deixa unha resposta